CRTVG

Buscar

O presidente da Xunta non se opón á harmonización fiscal, pero di que debe ser á baixa

Publicado o 26/11/2020 15:41

Ciudadanos acaba de anunciar que votará non aos presupostos xerais. Aínda así, o Goberno conta con sacalos adiante apoiándose nos partidos da investidura: PNV, Bildu e Esquerra. O pacto cos cataláns abriu unha nova polémica sobre a necesidade ou non de equiparar impostos entre autonomías.

"Anunciamos que votaremos non aos presupostos xerais do Estado porque non cumpren cos requisitos necesarios para que un partido de centro, moderado e liberal como Ciudadanos os poida apoiar", manifestaba Inés Arrimadas.

Pero, aínda así, o Goberno xa ten amarrados os votos suficientes con Esquerra, Bildu e PNV.  

"O Goberno está pasando o seu exame máis difícil, dígoo con toda a modestia e autocrítica, con nota", aseguraba o vicepresidente Pablo Iglesias. 

O pacto con Esquerra abriu un novo debate, o da harmonización fiscal entre comunidades autónomas. O Goberno insiste en que é necesaria.

"A harmonización fiscal é unha cuestión de sentido común e de xustiza social. O Goberno traballará nesa dirección", manifestaba Iglesias.

Pero presidentes autonómicos do PP critican a medida. "Imos dar esta batalla, imos seguir baixando impostos e non imos tolerar que Sánchez intente obrigarnos a subilos alí onde gobernamos", dixo Pablo Casado.

Para o presidente da Xunta, o acordo do Goberno con Esquerra é rechamante. Feijóo apunta que van seguir coa rebaixa de impostos ata o máximo posible. E á pregunta sobre proposta de ERC de harmonización fiscal, Feijóo di que buscan "crear unha tensión artificial entre Cataluña e Madrid" e unha suba de impostos. Feijóo di que se pode hamornizar por abaixo en intervalos e que, nese caso, a proposta interesalle á Xunta.

Os presupostos xerais pasarán a próxima semana polo pleno do Congreso.

 

Noticias web

26/11/2020