CRTVG

Buscar

O Goberno de Sánchez non defenderá a prórroga da concesión a Ence

Publicado o 14/03/2019 21:59

O Goberno retírase do proceso contra a prórroga de 60 anos outorgada a ENCE polo anterior Executivo. Os avogados do Estado din que a concesión só podía darse ata 2033. A empresa di que este cambio de criterio só se pode entender en "clave electoral" e avisa de que están en risco máis de 5.000 empregos dos 400 son directos e o resto indirectos.

A Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica, achántase na causa aberta na Audiencia Nacional polo Concello de Pontevedra, a Asociación pola Defensa da Ría e Greenpeace contra a prórroga da concesión a ENCE outorgada polo Goberno de Rajoy en 2016 por 60 anos.

Na práctica, esta figura do achantamento, supón a aceptación das pretensións dos demandantes.
Os avogados do Estado cambian agora de criterio porque entenden que a prórroga concedida polo anterior Goberno non se axusta a dereito. Argumentan que a concesión en terreos de dominio público marítimo terrestre, como os que ocupa ENCE, ten unha duración máxima de 75 anos desde a súa aprobación inicial. A fábrica de celulosa iniciou a súa actividade en 1958, así que a concesión remataría en 2033. Polo tanto, din os avogados do Estado, a prórroga outorgada en 2016 debería ser ata a ese ano, 2033, e non ata 2073.

Os letrados engaden, ademais, que a renovación da concesión só pode darse se a actividade da empresa non pode ter outro enclave, algo que din, "non queda xustificado no caso de ENCE".

O Concello de Pontevedra é cauto, pero cre que se abre unha porta á saída da celulosa da ría. O grupo municipal do PP vai presentar unha moción urxente para pedirlle explicacións ao alcalde. A Fernández Lores e a Pedro Sánchez os populares sinálanos como os responsables da perda de postos de traballo que suporía a marcha de ENCE. A derrotada, din, non é a empresa, son os empregados.

Da destrución de postos de traballo tamén avisa ENCE. A compañía di que están risco 400 empregos directos e 4.800 indirectos. Para a dirección da empresa, esta "decisión da Administración Xeral do Estado é contraria ao ordenamento xurídico" e implica un cambio arbritrario de criterio. ENCE entende que só pode explicarse "en clave electoral".

A compañía advirte, ademais, de que vai esgotar todas as vías xurídicas para defender a validez da prórroga. Unha renovación que, engade ENCE, "seguiu escrupulosamente a lei". As accións de ENCE caeron este xoves máis dun cinco por cento. Foi a empresa do IBEX 35 que máis perdeu.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/03/2019