CRTVG

Buscar

O Goberno de Pedro Sánchez toma posesión e bota a andar a coalición

Publicado o 13/01/2020 10:20

• Carmen Calvo ofreceu diálogo co Goberno catalán, Pablo Iglesias comprometeuse a traballar en equipo e a galega Yolanda Díaz asegurou que derrogarán a reforma laboral 

• O Goberno ten 28 secretarías de Estado, tres máis que o anterior

Os responsables das catro vicepresidencias e os 18 ministros e ministras do primeiro Goberno de coalición da democracia prometeron o cargo ante o rei Filipe. Fíxérono só pousando a man nun exemplar da Constitución, sen símbolos relixiosos. Cinguíronse á fórmula oficial aínda que algún antepuxo o xénero feminino ou utilizouno unicamente á hora de referirse ao Consello de Ministros.

En presenza de Miguel Herrero de Miñón, un dos pais da Constitución, Carmen Calvo apelou á unidade de España e a solidariedade territorial ao tomar posesión como vicepresidenta primeira do Goberno.

Carmen Calvo. vicepresidenta primeira: "Seremos prudentes na valentía e firmes no que máis importa, a defensa da democracia e a súa mellora constante"

Calvo entregoulle a carteira de vicepresidente segundo a Pablo Iglesias, quen prometeu traballo en equipo para blindar os dereitos sociais.

Pablo Iglesias, vicepresidente segundo: "Vai ser un Goberno forte en que os principios do compañeirismo e o traballo en equipo van presidir un traballo dificil pero que afrontamos con ilusión.

Tras Iglesias tomaron posesión o novo ministro de Sanidade, Salvador Illa e o de Consumo, Alberto Garzón. E no Ministerio de Traballo Yolanda Díaz substituía a Magdalena Valerio. A ministra galega deixaba clara a súa prioridade, derrogar a reforma laboral na loita contra o traballo precario.

Yolanda Díaz, ministra de Traballo: "Combater esta precariedade será o noso principal obxectivo, en realidade penso que é o principal reto deste país, o desafío do noso tempo"

E o novo ministro de Seguridade Social comprométese a subir as pensións co IPC e acabar co déficit do sistema. José Luis Escrivá, ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións: "Reforzar a solvencia e a suficiencia do sistema de pensións e darlles certeza aos pensionistas e aos traballadores a curto, medio e longo prazo"

Pedro Duque, que seguirá en Ciencia con novas compencias deulle ao novo ministro de Universidades parte da carteira que ocupou ata agora. Castells tomou posesión facendo súas as criticas pola segregación do ministerio.

Manuel Castells, ministro de Universidades: "Falando claro, eu persoalmente non estou de acordo con esta separación"

E Irene Montero, a ministra máis nova con só 31 anos, tiña que asumir a carteira de Igualdade lamentando un novo crime machista e comprometéndose a facer do feminismo a bandeira do goberno.

As remudas e tomas de posesión dos 22 membros do primeiro executivo de coalición da democracia prolongáronse ata entrada a tarde.

Coa redefinición das novas áreas competenciais, o Consello de Ministros pasa de 17 a 23 membros. Isto implica un maior gasto en salarios. En total, o custo do Goberno ascende a 1,7 millóns, sumando tamén o salario do presidente do Goberno. A suba con respecto ao anterior Goberno, é de 380.000 euros.

O rei, aos ministros: "Parabéns e moita sorte"

O rei saudou aos membros do novo Goberno de Pedro Sánchez unha vez que tomaron posesión dos seus cargos e dirixiuse a cada un deles coa mesma frase: "Parabéns e moita sorte".

Filipe VI presidiu no Palacio da Zarzuela o acto de promesa dos seus cargos por parte dos vicepresidentes e ministros do Executivo de Sánchez, e despois de que todos eles prometeron os seus cargos foi saudando un a un.

Foi nese saúdo cando lles trasladou o seu desexo de que teñan sorte nos seus respectivos labores e, a continuación, pousou con todos eles para os informadores gráficos.

Ao finalizar ese pousado, os ministros deron un aplauso espontáneo e púidose ver como empezaban a conversar entre eles e tamén con Sánchez e co rei.

Un dos primeiros que charlou co xefe do Estado foi o vicepresidente segundo, Pablo Iglesias.