CRTVG

Buscar

O Goberno de Hong Kong retira o proxecto de lei de extradición polas protestas

Publicado o 04/09/2019 16:11
O Goberno de Hong Kong retira o proxecto de lei de extradición polas protestas

A xefa do Goberno de Hong Kong, Carrie Lam, anunciou este mércores a retirada definitiva do polémico proxecto de lei de extradición que orixinou as multitudinarias protestas rexistradas na cidade desde fai máis de tres meses.

Nunha declaración televisada gravada previamente, Lam anunciou "catro accións para iniciar o diálogo" cos diferentes sectores da sociedade hongkonesa. "Primeiro, o Goberno retirará formalmente o proxecto de lei para tranquilizar completamente as preocupacións públicas", afirmou a xefa do Executivo e agregou que o responsable de Seguridade do seu goberno presentará unha iniciativa neste sentido cando o Parlamento retome os seus traballos.

A retirada definitiva desta lei era unha das cinco esixencias dos manifestantes para cesar as protestas que levan máis de tres meses sacudindo á urbe e que acabaron en ocasións con escenas violentas. O resto de peticións son o establecemento dunha comisión independente que investigue a suposta brutalidade policial, a retirada de cargos contra os detidos polas protestas, a retirada do cualificativo de "revolta" sobre as manifestacións e a aplicación do sufraxio universal para a elección do xefe do Executivo local. Ningún destoutros asuntos foi aceptado pola líder hongkonesa.

"Recoñezo que estas medidas poden non ser capaces de abordar todas as queixas das persoas na sociedade. Con todo, deberiamos pensar profundamente se a escalada de violencia e disturbios é a resposta? Ou se é mellor sentar para atopar unha saída a través do diálogo".

Lam recoñeceu que tras as protestas quedou claro que "o descontento se estende moito máis alá do proxecto de lei" e "cobre cuestións políticas, económicas e sociais". Por iso, anunciou a creación dun comité independente que revise "os problemas máis arraigados da sociedade" e asesore ao Goberno sobre a procura de solucións.

Lam goza, segundo as últimas enquisas, da popularidade máis baixa xamais rexistrada por un líder do Goberno local desde que Hong Kong regresou a mans chinesas tras século e medio de dominación colonial británica.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/09/2019