CRTVG

Buscar

A Junta admite que será difícil recuperar os 680 millóns da trama dos eres

Publicado o 21/11/2019 14:10

Malia ser a principal prexudicada polo desvío de fondos e a máis interesada en recuperalos, Susana Díaz retirou a Junta como acusación particular en outubro de 2016. Fíxoo a instancias dun informe do gabinete xurídico que foi moi criticado tanto polo PP como por Podemos e Izquierda Unida, que entendían que ía en contra dos intereses dos andaluces.

Ao non lles pedir fianza aos cargos daquela imputados, a única opción agora é buscar as empresas beneficiarias dos cartos dos eres que aínda existen. Esa é a vía que ordenou explorar o Executivo do popular Juanma Moreno.

Mentres, no Parlamento rexional producíase hoxe a primeira comparecencia pública dun dos 19 condenados da trama, a do ex-conselleiro de Emprego na época de Manuel Chaves, José Antonio Viera, un dos catro cuxo ingreso inmediato en prisión solicita a Fiscalía Anticorrupción. Viera, condenado a 7 anos de cárcere e 18 de inhabilitación por prevaricación e malversación de fondos públicos, foi quen puxo á fronte da fundación de formación e emprego o tamén socialista Fernando Villén, pendente de xuízo noutra das pezas do caso, e a quen a Garda Civil acusa de gastar máis de trinta e dous mil euros das arcas públicas en locais de prostitución.

"O meu equipo fíxome chegar as calidades desta persoa, pregúntame se me parece ben que este señor ocupe esta responsabilidade e digo que si, imaxino que dixen que si porque non me lembro, pasou moito tempo", dixo José Antonio Viera, que ademais insistiu en que os presuntos delitos cometidos por Villén se produciron cando el non era xa conselleiro de Emprego.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/11/2019