CRTVG

Buscar

O Goberno dará 17 millóns de euros á Xunta para mellorar a enerxía na vivenda

Publicado o 10/08/2020 13:28
O Goberno dará 17 millóns de euros á Xunta para mellorar a enerxía na vivenda

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico dará 17,6 millóns de euros á Xunta para a rehabilitación enerxética de vivenda, informa a Delegación do Goberno en Galicia.

A iniciativa forma parte dun programa de 300 millóns de euros no conxunto de España para rehabilitar edificios, e que prevé a xeración duns 3.000 postos de traballo en Galicia dos 48.000 no conxunto do Estado, subliña a Delegación do Goberno.

Galicia é a quinta comunidade española en volume neses fondos, por encima de Castela e León, País Vasco, Canarias ou Aragón, engade a representación do Goberno central.

O programa prevé subvencionar cambios na envolvente térmica, substituír caldeiras por opcións renovables ou mellorar a eficiencia de iluminación.

Estes fondos beneficiarán directamente ás comunidades de propietarios e persoas físicas ou xurídicas donas de inmobles.

A iniciativa prevé subvencionar entre o 25% e o 35% do custo da rehabilitación e, no caso dos consumidores vulnerables, establécese unha mellora dun 15% adicional.

Ademais, se se combinan distintas actuacións ou logra unha mellora substancial da eficiencia, a mellora adicional será do 20%.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que coordina esta liña de axudas a través do Instituto para o Aforro e a Diversificación da Enerxía (IDAE) explica que, na actualidade, o parque de edificios supón o 30% do consumo total de enerxía.

O programa pretende contribuír á descarbonización progresiva da economía española coa ambición de alcanzar unha neutralidade climática en 2050.