O Goberno suspende o diálogo coa Generalitat sobre o conflito en Cataluña
• Mantense a convocatoria de concentración cidadá en Madrid
• Feijóo cambia a axenda para asistir á manifestación do domingo
• Os presupostos, máis preto de caer con seis emendas á totalidade
A última proposta do Goberno chegoulle á Generalitat este mediodía. Ofrecía crear antes de que remate o mes unha mesa con dous representantes por partido de ambito estatal e catalán e cunha persoa neutral para coordinar os traballos. O non do 'govern' precipitou a suspensión do diálogo.
Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno "O trazado que fixemos para que ese diálogo se canalice non é aceptado polos partidos independentista. Fixemos todo, todo o que se pode facer. Este goberno non aceptará nunca a proposta dun referendo de autodeterminación"
A Generalitat di que é un documento inconcreto e rexeita que se exclúa falar do referendo. Quéixase de que lles chegou 10 minutos antes de facerse público e acusan o Goberno de falta de valentía política.
Pere Aragonès, vicepresidente da Generalitat "Non foi valente dabondo para resistir as presións do nacionalismo español de dereita e de extrema dereita que convocou ás rúas para este domingo e que tachou o Goberno do Estado de alta traizón só polo feito de falar"
Tamén Calvo falou da dereita, á que acusou de buscar a axitación por intereses electorais. E sobre as críticas internas...
Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno "Non vou falar do que falan os demais. Si direi que, en situacións complicadas, a axuda serve de moito"