CRTVG

Buscar

O Goberno dá luz verde ao plan Renove 2020, cun orzamento de 250 millóns

Publicado o 03/07/2020 12:43

• Axudas de entre 300 e 4.000 euros para a compra dun vehículo

O Goberno dá luz verde ao plan Renove 2020, cun orzamento de 250 millóns

O Consello de Ministros extraordinario celebrado este venres aprobou o plan Renove 2020, cun investimento de 250 millóns de euros e axudas de entre 300 e 4.000 euros para a compra dun coche.

Pedro Sánchez indicou na presentación do real decreto-lei de medidas urxentes para apoiar a reactivación económica e o emprego, que o programa de renovación do parque é "un dos alicerces básicos" do Plan de impulso a toda a cadea de valor do sector de automoción. Así mesmo, o presidente do Goberno salientou que a súa entrada en vigor será un estímulo para a demanda de vehículos, "paralizada polas medidas de confinamento". 

As axudas estarán dispoñibles para as persoas que adquirisen o seu vehículo desde o pasado 16 de xuño. Este programa finalizará o 31 de decembro, ou cando se esgoten os fondos.  Este programa terá un impacto económico de máis de 1.104 millóns de euros en toda a cadea de valor do sector e dos servizos asociados e permitirá crear máis de 7.000 postos de traballo, segundo as estimacións do Goberno.