CRTVG

Buscar

O Goberno dá luz verde á lei trans que recoñece a autodeterminación de xénero

Publicado o 29/06/2021 13:35

EFE

O Goberno deu luz verde este martes á futura lei trans que permitirá cambiar de sexo, a partir dos catorce anos, cun trámite administrativo, sen probas nin testemuñas. A norma remata cos informes sanitarios e a necesidade de tutelas médicas e legais.

"Con este proxecto de lei pretendemos superar a histórica invisibilidade, a estigmatización e a falta de recoñecemento dos dereitos das persoas LGTBI", dixo a portavoz do Goberno, María Jesús Montero, na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros.

O anteproxecto de lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI comeza así a súa tramitación, despois de meses de duras negociacións no seo do Goberno de coalición e as críticas dun sector do movemento feminista, que cre que esta lei supón o "borrado das mulleres".

Para a ministra de Igualdade, Irene Montero, a aprobación do proxecto é unha mostra da "fortaleza" do Executivo de coalición e felicitouse porque, malia as diferenzas, con "negociacións longas e difíciles", cumpriuse co acordo de goberno e conseguiron facer políticas "que melloran a vida da xente e amplían as oportunidades de felicidade de millóns de persoas".

"Lei feminista"

Montero asegurou que, ademais do colectivo trans e LGTBI, as protagonistas do impulso a esta lei son tamén as mulleres feministas. "Esta é unha lei feminista que entende que o chegamos todas ou non chega ningunha", dixo.

Con respecto ás críticas de certo sector do feminismo, lembrou que sempre que se aproban leis deste calado, como a do aborto ou a do matrimonio igualitario, hai debate social e oposición, "pero co paso dos anos ninguén se recoñece nesas posicións".

"Á vangarda de Europa"

Subliñou que con esta lexislación España "fai historia" e dá un "paso de xigante", pois sitúase "á vangarda de Europa e á cabeza dos dereitos destes colectivos" nun contexto en que hai un "cuestionamiento profundo" dos dereitos das persoas LGTBI.

"A mensaxe que como Goberno queremos mandar ás persoas trasn e LGTBI é que non están soas", salientou Irene Montero. Ademais, agradeceu o traballo realizado tanto polo Ministerio de Xustiza, como polo conxunto do Goberno e os propios colectivos.

Na mesma liña, o titular de Xustiza, Juan Carlos Campo, asegurou que un Goberno que se prece debe ter o obxectivo de "levar a felicidade á sociedade á que serve". "Que hoxe haxa persoas que poden respirar máis tranquilas é motivo suficiente para que este Goberno se sinta satisfeito", manifestou.

Cambio de sexo no Rexistro Civil

A lei dispón que os menores de 12 e 13 anos necesitarán unha autorización xudicial para cambiar o seu sexo e nome no Rexistro Civil, mentres que a partir dos 14 anos calquera persoa poderá facelo cun trámite administrativo, sen probas nin testemuñas.

A vontade da persoa será o único requisito para o cambio, polo que rematan os informes sanitarios e a necesidade de tutelas médicas e legais.

Este foi un dos principais puntos de fricción entre os socios de goberno, que finalmente acordaron permitir o cambio de sexo e nome no Rexistro Civil sen necesidade de testemuñas, probas nin informes médicos. 

A lei establece un mecanismo para evitar o cambio continuo de sexo e, con iso, a fraude de lei, xa que as persoas que cambiaran a mención rexistral do sexo necesitarán dunha autorización xudicial para volver facelo.

Neste sentido, Campo apuntou que a reversión é posible, pero só unha vez, tras un prazo de polo menos seis meses e cunha autorización xudicial.

Prohibidas as terapais de conversión

A lei prohibe as terapias de conversión, aversión ou contracondicionamento destinadas a modificar a orientación, identidade ou expresión sexual.

Garante a lesbianas, bisexuais e persoas trans o acceso a técnicas de reprodución asistida e modifica o Código Civil para que as mulleres lesbianas e bisexuais poidan proceder á filiación dos seus fillos sen necesidade de estar casadas.

No caso de bebés intersexuais, prohíbense as cirurxías de modificación xenital ao nacer e dálle ao pai e á nai un prazo de 12 meses antes de inscribir o seu sexo no Rexistro.

Noticias web

29/06/2021