CRTVG

Buscar

O Goberno crea axudas para vilas afectadas polo peche das centrais de carbón, entre elas Cerceda e As Pontes

Publicado o 22/11/2019 18:40
O Goberno crea axudas para vilas afectadas polo peche das centrais de carbón, entre elas Cerceda e As Pontes

A Delegación do Goberno en Galicia trasladou a creación dunha liña de axudas por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica para financiar proxectos de entidades locais afectadas por un proceso de peche de centrais termoeléctricas de carbón. Faio despois de que o Boletín Oficial do Estado (BOE) publique este venres a orde que regula as condicións para a convocatoria e concesión das axudas, que contan cun orzamento para este ano de 7 millóns de euros, "susceptible de ser ampliado", precisa. O seguinte paso é a convocatoria formal das mesmas "aínda que coa orde --deste venres-- os concellos poden comezar a solicitar documentación e elaborar os proxectos", explica a Delegación do Goberno.

Segundo recolle a orde, esta liña está orientada "a fomentar o desenvolvemento económico alternativo dos termos municipais afectados os procesos de peche das centrais termoeléctricas de carbón, como mecanismo de reacción que pretende anticiparse ao risco que desencadea este proceso de carácter socioeconómico". As axudas financiarán proxectos transversais das entidades locais que acrediten unha vinculación directa tanto no ámbito territorial afectado, como polo impacto económico derivado do proceso de peche das centrais citadas".

Deste xeito, diríxense "á creación de emprego sustentable, incentivando a implantación e impulso empresarial nos diversos sectores económicos, así como a formación e recualificación dos traballadores afectados, investimento, modernización e innovación tecnolóxica cun efecto tractor sobre todos os axentes implicados nos termos municipais afectados". Os proxectos presentados poden ser de diversa índole, entre outros, apoio a novos proxectos de entidades locais que incentiven a creación de empresas xeradoras de emprego, proxectos de apoio á reconversión de actividades existentes, así como orientados ao apoio na transición de colectivos laborais concretos.

O financiamento máximo cofinanciable por proxecto será do 75%. Na convocatoria inclúese unha listaxe coas 15 centrais térmicas de carbón que ou ben solicitaron a autorización de peche, contan con esta autorización (cunha antigüidade máxima de 12 meses) ou nas que o seu órgano de goberno ou dirección manifestase a vontade dun posible peche. Nel, inclúense a central térmica de Meirama, do municipio de Cerceda e a central térmica das Pontes.