CRTVG

Buscar

O Goberno prorroga o estado de alarma ata maio, con opción a levantalo en marzo

Publicado o 29/10/2020 16:29

O Goberno conseguiu o apoio do Congreso para manter todo o territorio nacional en estado de alarma ata o próximo 9 de maio, con 194 votos a favor fronte a 53 en contra e 99 abstencións.

A partir do próximo día 9 serán os gobernos autonómicos os que decidan, baixo o paraugas deste instrumento de excepción constitucional, as medidas restritivas.

O PP optou pola abstención; VOX, polo voto en contra, e Ciudadanos por apoiar o Goberno.

Aínda así, o Goberno deixou aberta a posibilidade de que a medida poida ser levantada en marzo, en función da evolución da pandemia.

A prórroga contou co apoio de 194 deputados de PSOE, Unidas Podemos, Ciudadanos, Máis País-Equo, Compromís, PNV, BNG, Coalición Canaria, Nueva Canarias, Partido Regionalista de Cantabria, Teruel Existe e os catro deputados do PDeCAT, que por primeira vez votaron distinto dos seus compañeiros de Junts.

Houbo 53 votos en contra, que son os de VOX e o do deputado do Foro Asturias, mentres que o PP se abstivo, o mesmo de Bildu, a CUP e Unión do Pobo Navarro (UPN) e sumaron 99 abstencións.

Esquerra Republicana pactou co PSOE unha proposta de resolución, aprobada pola mañá, que obriga o presidente Pedro Sánchez a render contas cada dous meses da aplicación do estado de alarma.

Ademais, establece que, tras catro meses de prórroga (9 de marzo), a Conferencia de Presidentes, previo acordo do Consello Interterritorial de Saúde, poida decidir, á vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos e sociais, se o levanta ou o mantén ata o 9 de maio.

Esas comparecencias de Sánchez serán complementarias ás que protagonice mensualmente Illa ante a Comisión de Sanidade para detallar os datos e xestións correspondentes ao seu departamento.

Tamén saíu adiante a emenda do PNV para que enclaves como o Condado de Triviño, que está en territorio arabés pero pertence a Burgos, teñan que aplicar as restricións que se aproben, neste caso, para Áraba.