CRTVG

Buscar

O Goberno confirma o terceiro asasinato machista durante o estado de alarma

Publicado o 30/04/2020 18:07
O Goberno confirma o terceiro asasinato machista durante o estado de alarma

O Goberno confirmou este xoves que unha muller de 48 anos asasinada en Corbera de Llobregat é a vítima mortal número 19 da violencia machista do que levamos de 2020, a terceira desde que se decretou o estado de alarma, e a 1.052 desde que en 2003 comezaron a rexistrarse as estatísticas. 

A delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Vitoria Rosell, informou en Twitter de que o presunto asasino confesou o crime e tiña unha orde de afastamento.

O Ministerio de Igualdade condenou o asasinato e enviou o seu apoio aos familiares e amizades da vítima: "Agora, máis que nunca, necesitamos a toda a sociedade implicada na loita contra a violencia machista. Se oes ou ves algo, denúnciao", pediu en Twitter. 

O 016 atende a todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 51 idiomas diferentes, tamén durante o estado de alarma.  

A policía catalá informou nun comunicado que detivo un home de 45 anos pola desaparición da súa parella sentimental en Corbera de Llobregat (Barcelona). Axentes da División de Investigación Criminal (DEC) dos Mossos detiveron onte pola tarde o sospeitoso, despois de localizarse o corpo sen vida dunha persoa nunha ribeira de Corbera de Llobregat, que podería corresponder ao da muller, cuxa desaparición se investigaba.