CRTVG

Buscar

O Goberno confía en que o novo réxime do lobo estea en vigor antes de que termine o período de veda de caza maior

Publicado o 27/08/2021 12:40
EFE

A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, confía en que poida haber un novo réxime de xestión do lobo ibérico con plans de xestión concertados e en vigor "antes de que termine o período de veda de caza maior".

Nunha entrevista con Efe, Ribera detallou que o Consello de Estado pediu unha serie de aclaracións sobre a decisión de incluír este gran carnívoro na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial". Esta medida foi adoptada por votación na Comisión Estatal de Patrimonio Natural do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, celebrada en febreiro, e xerou numerosas protestas en sectores gandeiros e cinexéticos e o apoio de sectores ambientalistas, que a cualificaron de moi positiva.

Na práctica a medida supón o fin da posibilidade de cazar lobos nas comunidades autónomas ao norte do Douro, onde ata o momento era posible. "Xustamente a semana pasada remitimos o expediente completo" ao Consello de Estado", explicou Ribera, para quen "é rechamante que España sexa un dos dous países da UE en que aínda non hai unha prohibición da caza do lobo en todo o territorio".

Para a titular de medio ambiente, é moi importante traballar honestamente sobre este asunto, acompañando aos gandeiros para facer compatible a coexistencia do lobo coa gandería.

"Ás veces producíronse dificultades neste diálogo, pero tamén hai exemplos de bo funcionamento que nos permitan sacar leccións que nos axuden a xeneralizar. Nalgúns casos necesítase algo de tempo", afirmou.

Segundo Ribera, a gandería extensiva viviu anos sen lobo e convivir agora coa especie require, dalgunha maneira, adoptar determinadas medidas ou cautelas, máis aló do acompañamento das institucións ou o respaldo financeiro que xa esta asociado á PAC (Política Agraria Común) vixente ou as axudas ambientais.

"Confío en que podamos ter un novo réxime con plans de xestión razoablemente en vigor e concertado antes de que termine o período de veda de caza maior (data variable que adoita coincidir cos inicios do outono)", subliñou. 

Noticias web

27/08/2021