O Goberno confía en que antes de acabar xullo haberá 25 millóns de persoas coa pauta completa
Esta é a primeira vez que os conselleiros de Sanidade de toda España se ven cara a cara dende que chegou a pandemia ao noso país. Simbolicamente, a reunión ten lugar no Senado, a cámara de representación territorial. Para a ministra de Sanidade, Carolina Darias , o encontro é "un punto de inflexión, unha mirada ao presente pero, especialmente, unha mirada ao futuro".
Un futuro que o Goberno central ve con optimismo grazas á campaña de vacinación. Calcula que na semana do 19 de xullo haberá 25 millóns de persoas coa pauta completa. O ministro de Política Territorial, Miquel Iceta referiuse ao conxunto de conselleiros das comunidades como "un equipo que nos fixo campeóns de Europa en vacinación".
Pero aínda hai cuestións sen pechar. Unha delas, a posibilidade de vacinarse noutra comunidade durante as vacacións. A Xunta de Galicia afirma que estaría disposta a subministrala sempre que o Goberno central establecese un mecanismo de compensación.
"O que é complicado é quitarlle vacinas aos galegos para poñerllas aos das outras comunidades se non hai ese sistema de compensación", afirmou esta mañá o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
As comunidades tamén expresan a súa preocupación polo avance do virus entre os máis novos e como acelerar a súa inmunización. A Xunta pide prudencia á mocidade mentres non cheguen máis vacinas.
No centro do debate está o macrogromo con orixe en Mallorca que xa se estendeu a once comunidades. Son xa 1.700 positivos e o número vai en aumento. Tamén no hotel de Palma onde gardan corentena varios centos de estudantes: 68 positivos e 200 negativos. O Goberno balear defende a decisión de confinalos, unha medida que un cento de país levaron aos xulgados. A Fiscalía xa se pronunciou, cre que é desproporcionado, pero haberá que agardar polo ditame do xuíz.