CRTVG

Buscar

O Goberno cifra en 765 millóns o impacto no sector agroalimentario polos aranceis dos EUA

Publicado o 07/10/2019 15:22

Xuntanza en Madrid para analizar o impacto dos aranceis anunciados polos Estados Unidos no sector agroalimentario. Reuniuse o Goberno coas comunidades autónomas. O 18 deste mes é a data límite para que entre en vigor a medida, se finalmente non consegue evitarse. E Galicia é unha das comunidades máis afectadas, xunto con Andalucía, Castela-A Mancha, A Rioxa e Murcia.

Resposta conxunta do Goberno e das comunidades ante as barreiras comerciais anunciadas polos Estados Unidos. As exportacións agrícolas e pesqueiras soportarán un gravame dun 25% dende a próxima semana, se non hai un acordo previo que o evite. 

En Galicia os sectores máis afectados serían as conservas, cun impacto en máis de 5.000 toneladas, sobre todo de mexillón, polbo e lura, uns 40 millóns de euros. E as exportacións de viño que supoñen uns 15 millóns. 

Os próximos días seguirán as reunións da Xunta e do Ministerio cos sectores afectados. O Goberno calculou en 765 millóns de euros o impacto económico da subida de aranceis de Estados Unidos aos produtos agroalimentarios españois se finalmente a Administración de Donald Trump confirma a lista preliminar dada a coñecer a semana pasada.

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación en funcións, Luís Planas, precisou tras reunirse cos conselleiros do sector, que esta estimación elaborouse en base ás vendas de España aos EUA en 2018 sobre as partidas afectadas que aparecen na devandita listaxe.

As cantidades, con todo, non son fáciles de precisar e poden variar co paso dos días, conforme avance o traballo dos técnicos, apuntou, ao ser "complicado" porque os códigos arancelarios que os EUA aplican "non son os mesmos" que os de España e o resto da Unión Europea (UE).

O cálculo, con todo, é inferior aos 1.000 millóns de euros que se apuntou a semana pasada. Tras o encontro cos conselleiros autonómicos, Planas constatou a "unidade de puntos de vista" para enfrontarse a este asunto.

"Todos estamos unidos na firmeza da negociación" entre a UE e os EUA para conseguir que o sector agroalimentario "quede fóra destas posibles sancións", porque neste caso "non é o obxecto da disputa", afirmou Luís Planas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/10/2019