O Goberno cifra en 20 as empresas afectadas pola modificación da Lei de costas no litoral galego
O Goberno asegura que son 20 as empresas alimentarias situadas no litoral galego que poden estar afectadas pola modificación da Lei de costas, e non máis de 1.000, como afirma o PP.
A ministra para a Transición Ecolóxica dixo hoxe no Congreso, en resposta a unha pregunta do deputado do PP por Lugo Joaquín María García Díez, que "temos identificadas 20 empresas coas que estamos traballando tranquilamente, terán todos os seus papeis ordenados, mesmo aínda que algunhas non solicitaran en prazo a prórroga da concesión". Engadiu que a prórroga "é compatible sempre e cando introduzan as cautelas" relativas ao cambio climático.
O proxecto de lei de cambio climático prevé que as instalacións situadas na franxa litoral de dominio público deberán adecuarse ás estratexias internacionais contra o cambio climático para poder prorrogar as concesións.
Segundo García Díez, "cada brochada verde" do Goberno "xera un terremoto" que, neste caso, afecta, segundo dixo, "máis de 1.000 empresas" e máis de 40.000 traballos afectados. Segundo García Díez, co seu proxecto, o Goberno "enganounos a todos" porque, "bota por terra todo o que na Lei de costas afecta a concesión e regulación de instalacións que están en territorio marítimo-terrestre".
A ministra negou estas cifras e atribuíu á proximidade das eleccións autonómicas que se "faga resucitar o da profecía maya asociada ao cambio climático". Segundo Ribera, "é peculiar oír tantas mentiras e non aterse aos feitos" que, explicou, teñen orixe no "burato negro" da Lei de costas aprobada polo anterior Goberno, que xerou un "gran caos que o Tribunal Constitucional declarou inconstitucional en gran medida".
A responsable das políticas ecolóxicas do Goberno dixo que a posibilidade de prorrogar as concesións en dominio público marítimo terrestre deben ir acompasadas "cunha estratexia de adaptación do litoral ao cambio climático, unha estratexia que é a que estamos aplicando nun caos no que temos que integrar respostas nunha lei que quedou absolutamente desmembrada", dixo, coa sentenza do TC.