CRTVG

Buscar

O Goberno estuda decretar o toque de queda en España

Publicado o 20/10/2020 16:13

• A decisión implicaría a declaración dun novo estado de alarma

A Comunidade de Madrid avanza a posibilidade de solicitar que se aplique o toque de recollida no seu territorio

O Goberno central respondeu á proposta de Madrid para implantar o toque de queda.

O Goberno quere falalo coa Comunidade de Madrid, pero tamén co resto de autonomías para determinar o ámbito da aplicación da medida: Madrid ou toda España? Este martes á tarde celebrouse a primeira reunión entre o Goberno central e o de Madrid despois de que o da Comunidade pedise estudar a posibilidade de decretar o toque de queda. 

O Executivo de Sánchez quere coñecer de primeira man a proposta e analizala con todas as comunidades autonomas o xoves. Madrid pretende que sexa un toque de queda para todo o país. E Moncloa di que o sustento xuridico ten que ser o estado de alarma. E antes de dar ese paso quere ter claro que ante unha eventual prorrogación teria o apoio do Congreso. O sábado decae o actual estado de alarma para Madrid, son dias decisivos para deseñar as novas medidas de contención do virus.

"Hai que ver se efectivamente esa proposta do Goberno da Comunidade de Madrid é oficial. Se é así, o importante é que sexa un debate que se produza de xeito multilateral no Consello Interterritorial de Sanidade. A partír de aí, hai que saber exactamente cales son as necesidades e tamén as propostas que poñen enriba da mesa o resto de comunidades autónomas", di Pedro Sánchez, presidente do Goberno.

O ministro Salvador Illa cre que o toque de queda require a declaración doutro estado de alarma e o Executivo non quere sorpresas. Quere coñecer antes a opinión de todos por se, transcorridos quince días desde a súa declaración, ten que ir ao Congreso pedir unha prórroga.

A decisión, di o Goberno, non está tomada, pero é unha das que se consideran. Xa se adoptou noutros países, mesmo cunha incidencia menor do coronavirus.

O Goberno insiste en que veñen semanas moi duras e que non se pode baixar a garda.

"É unha medida que vemos que se aplica noutros países europeos. Require dun estado de alarma, e imos analizalo. Se decidísemos ir por este camiño, sería importante saber que grupos estarían dispostos a apoialo no Congreso", dixo o ministro de Sanidade.

Illa explicou que o Goberno non quere "substituír" ningunha administración, senón exercer un papel de coordinación. "Non é cuestión dunha comunidade autónoma, temos que actuar todas en coordinación", insistiu antes da reunión do Consello Interterritorial de Saúde que se celebrará o vindeiro xoves. Ademais, rexeitou a posibilidade de volver ao mando único por parte do Executivo porque o seu obxectivo non é "invadir" as competencias de ningunha outra administración, senón "coordinalas".

No caso concreto da Comunidade de Madrid, confirmou que o Goberno non prorrogará o estado de alarma e estudará co Executivo de Isabel Díaz Ayuso as medidas que se deben adoptar unha vez decaia o vindeiro sábado. Segundo recoñeceu, os casos na rexión baixaron tras 21 días de medidas "moi estritas", pero avisou de que os datos seguen sendo "preocupantes" e é necesario estudar alternativas.   

Neste sentido, evitou profundar na confrontación co Goberno de Ayuso e asegurou que o seu obxectivo é unicamente "acertar" ao tomar as medidas e baixar a incidencia da pandemia en España. "As comunidades autónomas están a tomar medidas, impórtame pouco se mellora ou empeoran a súa resposta, impórtanme as medidas", garantiu.

Podemos non se pronuncia sobre o toque de queda, pero defende tomar as medidas restritivas necesarias

O portavoz de Unidas Podemos no Congreso, Pablo Echenique, defendeu tomar as medidas restritivas "que fagan falta" en España para frear a incidencia do coronavirus, aínda que non se pronuncia sobre a opción de aplicar un toque de queda como demanda a Comunidad de Madrid.

En conferencia de prensa tras a Xunta de Portavoces, Echenique agregou que non vai decantarse sobre medidas concretas, como o toque de queda, porque é unha cuestión que compete aos expertos sanitarios.   

Así mesmo, agregou que na formación violeta están "preocupados" pola situación da pandemia e son partidarios de tomar as medidas restritivas que aconsellen os técnicos, sobre todo porque frear a pandemia "redunda en beneficio da economía a medio e longo prazo".   

Ciudadanos coincide en que o toque de queda esixe aprobar o estado de alarma 

O portavoz adxunto de Ciudadanos no Congreso, Edmundo Bal, coincide co Goberno en que a aplicación do toque de queda para impedir a libre circulación de persoas a determinadas horas esixiría aprobar o estado de alarma e, aínda que non se opón de entrada a ningunha medida, aconsellou facer caso aos científicos e non enredarse en debates políticos sobre o procedemento. 

En declaracións no Congreso, Edmundo Bal sinalou que, se as administracións están de acordo no fondo, é dicir, en restrinxir os movementos para frear a expansión do coronavirus, debería deixarse aos científicos e sanitarios determinar cal é a medida máis conveniente e, a partir de aí, aplicar a que se decida. 

Por iso, non adianta a posición de Ciudadanos: "Hai que ver se fai falta, se é necesaria esa restrición ou a que nos digan os científicos", sostén, e pediu evitar a imaxe de políticos que non se poñen de acordo.   

Feijóo pide aclarar que sería "toque de queda": "Se o sabemos, quizais nalgún lugar sexa unha boa práctica"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu de que, antes de pronunciarse sobre se ve oportuno un toque de queda para todo o país, é preciso clarificar cal sería o alcance desta medida, é dicir, se afectaría só ao peche na franxa nocturna de actividades económicas ou se tamén se limitaría o dereito dos cidadáns a saír á rúa. "Se sabemos a que se refire, quizais nalgúns lugares, en función da incidencia, sexa unha boa práctica", dixo.

Ao preguntarlle respecto diso nunha conferencia de prensa posterior á súa reunión co alcalde de Ferrol, Ángel Mato, o presidente galego agregou que podería ser unha opción por estudar, por exemplo, se se refire ao peche nocturno de actividades económicas e da hostalaría, pero insistiu na necesidade de que o Goberno fixe uns criterios homoxéneos para erradicar a "confusión".

"E creo que non hai ningún lugar en España onde se estea prohibindo saír á rúa desde as doce da noite. Teño dúbidas de que unha comunidade teña competencias para facelo", agregou, na mesma xornada en que Madrid expuxo que se estude a aplicación desta medida e transcendeu que o Goberno estuda o seu encaixe xurídico.   

Noticias web

20/10/2020