CRTVG

Buscar

Rajoy di no debate das pensións que non hai motivos para o "desasosego"

Publicado o 14/03/2018 09:26

O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, iniciou hoxe a súa intervención ante o pleno do Congreso que debate sobre as pensións recoñecendo que moitos pensionistas puideron ter certo "desasosego" sobre as súas prestacións, pero asegurando que non hai motivo para iso.

Rajoy abriu este debate recalcando que todo os pensionistas do presente e do futuro deben ter a seguridade de que o Goberno e todos os representantes políticos están comprometidos coa garantía destas prestacións.       

O Congreso celebra este mércores pleno monográfico sobre as pensións. O Partido Popular xa adiantou que non haberá golpes de efecto na intervención de Mariano Rajoy. O PSOE e Podemos insisten en reclamar que as pensións se volvan actualizar conforme ao IPC. A Mesa do Congreso vetou a tramitación dunha proposición de lei neste sentido.

Poucas expectativas de Ciudadanos ante o que o presidente poida anunciar o mércores no pleno das pensións. Tampouco Podemos espera nada de Rajoy. Por iso, prefiren apelar a Ciudadanos, que este martes apoiou o PP na mesa do Congreso para impedir que se debata unha proposición de lei para volver ligar as pensións ao IPC.

Os socialistas, que tamén queren volver ao anterior sistema, insisten en custear o que falte cun imposto á banca, e mellorar as pensións de nais e viúvas. Pídenlle a Rajoy que mire á rúa.
Rajoy insistirá na idea de que os pensionistas non perderon poder adquisitivo nestes 6 anos de goberno popular e pediralle á oposición que debata as propostas dentro do Pacto de Toledo.
O pleno celébrase só 3 días antes da xornada de mobilizacións á que están chamados este sábado os pensionistas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/03/2018