CRTVG

Buscar

O Goberno catalán aproba o decreto que adía as eleccións ata o 30 de maio

Publicado o 15/01/2021 20:39

O Goberno catalán adía as eleccións ata o 30 de maio porque calculan que daquela estarán vacinados entre o 9 e 30% dos electores e o bo tempo fará máis dificil a transmisión do virus. Din que coa actual evolución da pandemia, votar o 14 de febreiro era un risco inasumible.

Pere Aragonès, presidente en funcións da Generalitat, explicou que "trasladamos as eleccións ao 30 de maio para que o proceso electoral non coincida coas semanas máis difíciles da terceira vaga da pandemia. Para que ninguén teña que renunciar ao seu dereito ao voto por medo a contaxiarse".

Aínda que con algunhas críticas pola falla de previsión do executivo, todos os partidos, agás o PSC apoian o atraso.

Elsa Artadi, de JxCat, di que "entendemos os motivos polos que se marca esta data e adiante". Anna Caula, de ERC, cre que "temos que felicitarnos por este exercicio de transparencia e de madurez política". Para Carlos Carrizosa, de Ciudadanos,  "impúxose o sentido común. Só o PSC discrepou, o PSC quedou só".

Tras o rexeitamento inicial, os socialistas entraron na xuntanza dispostos a aceptar un atraso pero só ata finais de marzo. Non van recorrer a nova data, pero si o farán se se permiten cambios nas listas.

Miquel Iceta, líder do PSC, advirte que  "se só é un cambio de datas, non imos obxectar. O que imos obxectar é un cambio das regras do xogo".

Os comúns apoian a nova cita. A CUP e o PP están a favor do adiamento, pero critican que o día elixido responda a criterios políticos e non de saúde pública. VOX, sen presenza no actual Parlament, di que se hai brecha legal para facelo, recorreran a decisión.
 

Noticias web

15/01/2021