CRTVG

Buscar

O Goberno canario aproba o primeiro paquete de axudas de emerxencia

Publicado o 24/09/2021 09:11

Unha inmensa fumareda esténdese pola illa da Palma, unha mestura de gases formada por dióxido de carbono, vapor de auga e compostos de xofre. O seu estudo é clave para predicir como pode evolucionar a erupción nos vindeiros días. 

O volcán está monitorizado a cada minuto, e os expertos dubidan se debido á densidade da lava, esta chegará ao mar. 

A lava do Cumbre Vieja cobre xa máis de 166 hectáreas. As dúas coadas que se estenden pola illa avanzan a distinta velocidade. 

A coada que máis preocupa agora é a que se dirixe cara ao cemiterio das Manchas. Os intentos por desviar a lingua de lava para evitar as casas non deron de momento resultado.

A cinsa invade a illa e as explosións, máis fortes nas últimas horas, son un factor de risco que cómpre ter en conta. 

Como medida preventiva, o Instituto Xeográfico Nacional elevou a nivel vermello o código de cor da aviación nas Canarias pola evolución dos gases e das cinsas. 

Mentres, as administracións aceleran os trámites para facilitar as primeiras axudas aos que quedaron sen casa. O Goberno canario aproba hoxe as primeiras partidas. O Cabido anunciou tamén que ultima a compra de 257 vivendas en construción, acabadas ou a piques de acabar. A elas sumaríanse outras 23 de nova promoción no Paso. 

Para que os veciños afectados poidan recibir compensacións vai ser clave o rexistro da propiedade. O magma sepultou o esforzo de moitos palmeiros, que se viron obrigados a emigrar. 

A lava xa enguliu máis de 350 inmobles e fincas de todo tipo. 

Noticias web

24/09/2021