CRTVG

Buscar

O Goberno británico admite que un 'brexit' duro pode provocar desabastecementos

Publicado o 12/09/2019 04:45
O Goberno británico admite que un 'brexit' duro pode provocar desabastecementos

O Goberno británico fai público un documento confidencial sobre o impacto que tería para o país e para os cidadáns un brexit ás bravas. Atendendo a esa análise de riscos, no "peor escenario posible razoable" podería haber un desabastecemento de medicinas e produtos médicos polos bloqueos que poderían darse nos portos da Canle da Mancha, a través dos cales chegan a meirande parte.

Tamén é posible que houbese menos variedade e dispoñibilidade de determinados produtos frescos e dalgúns compoñentes críticos para a industria (ingredientes básicos, químicos e envases), producíndose un encarecemento dos alimentos, dos combustibles e da electricidade. O informe apunta que Xibraltar se vería moi prexudicado e avisa de que podería haber desordes públicas por todo o Reino Unido, "protestas e contraprotestas que absorberían unha importante cantidade de recursos policiais".

Desde o Executivo din que o documento está desactualizado e que a preparación para un posible brexit duro é agora mellor. Dano a coñecer atendendo ao requirimento que lles fixo o Parlamento horas antes de suspenderse a actividade durante cinco semanas por decisión de Boris Johnson. Unha decisión sobre a que se ha pronunciar o Tribunal Supremo do país o próximo martes.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí