CRTVG

Buscar

O Goberno considera introducir peaxes en todas as estradas estatais e rexionais

Publicado o 05/05/2021 17:09

• Comezarían a implantar as portaxes nas autovías en 2024 

• A DXT, a favor de pagar nas autovías: "Quen o usa, págao"

O Executivo central considera que no 2024 se podería implantar un sistema de pagamento por usar a rede de estradas do Estado, ampliable ao resto de vías, segundo recolle no seu Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O Goberno sostén que, de acordo coa experiencia internacional, o tempo mínimo necesario para desenvolver os instrumentos normativos e crear a estrutura precisa para implantar este sistema é de dous a tres anos.

O proxecto formaría parte da Lei de mobilidade e financiamento do transporte coa que se pretenden introducir en España os principios de "o que contamina paga" e "o que usa paga".

Agárdase que o texto se eleve ao Consello de Ministros no primeiro semestre de 2021 para unha primeira lectura e se aprobe no segundo semestre de 2023.

Acordo social e político

O plan considera necesario chegar a un acordo co sector profesional do transporte, coas comunidades autónomas e outras administracións para introducir este sistema de ingresos que pretende garantir os fondos necesarios para conservar a rede viaria estatal.

Tamén considera levar a cabo, ata o 2024, unha campaña de concienciación e sensibilización sobre a necesidade da medida, dirixida a particulares. Consciente do rexeitamento inicial que pode suscitar, ve aconsellable unhas tarifas asumibles, escalables e progresivas.

Así mesmo, prevé reducións ou bonificacións para os colectivos máis desfavorecidos e para as persoas usuarias habituais en certos tramos.

Déficit de mantemento crecente

Actualmente, a rede estatal supera os 26.466 quilómetros de extensión, dos que uns 12.000 son estradas de alta capacidade, e é a máis extensa de Europa.

O Executivo sinala que os custos de conservación son crecentes e non os poden asumir de xeito directo os recursos orzamentarios. Por esta razón, explica, estase a xerar un déficit acumulado do mantemento da rede, cunha perda do seu valor pola deterioración da calidade do servizo e as consecuencias na seguridade viaria.

Por iso, entende que impoñer un pagamento polo uso permitiría garantir a conservación da rede viaria, xerar incentivos cara a unha maior eficiencia de transporte e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.