CRTVG

Buscar

O Goberno autoriza os mercados 24 horas despois de prohibilos

Publicado o 08/05/2020 21:30

Despois de consultar os seus servizos xurídicos, a Delegación do Goberno permite a celebración deses mercados agroalimentarios, tal e como autorizara a Xunta dende o pasado luns. Así que concellos, como o de Padrón, prepáranse xa para a feira do domingo.

A verdade é que os feirantes agradecen este cambio de criterio e que xa se poidan organizar este tipo de citas. Moi agardadas por ambas partes, por parte dos vendedores e tamén dos compradores. As feiras terán que celebrarse cunhas medidas de seguridade e de hixiene moi estritas, e isto está levando algúns concellos a atrasar os mercados. Non así, aquí en Padrón que o próximo domingo celebrará a súa feira tradicional. Iso si, será distinta. Só abrirán postos de produtos agrícolas, gandeiros e de alimentación polo que se reduce ao 10 por cento a súa actividade habitual e contará cun equipo de vixilancia para garantir todas as medidas de seguridade. E neste sentido o Concello espera contar coa colaboración de todos e advirte da necesidade de non vir á feira a socializar, senón a mercar e logo marchar. 

Primeiro a Xunta permitiu as feiras, dous días despois a Delegación do Goberno paralizounas e ao pouco volveunas permitir. E en todo este vaivén nin Concellos nin feirantes sabían a que aterse. Aquí en Arzúa os catro postos que acudiron á feira tiveron que apurar arreo para ter todo listo para hoxe.

Con este chío a Delegación do Goberno deixaba por fin as cousas claras: consultada a Avogacía do Estado permítense os mercados agroalimentarios. E a Xunta, que xa consentira as feiras de alimentación e plantas dende este luns, agradece a rectificación do Goberno.


Así que, finalmente as feiras previstas para esta fin de semana poderán celebrarse. Carballo que tivo que suspender a súa feira do xoves polo freo da Delegación do Goberno, poderá organizar agora a do domingo.

E tamén en Padrón onde xa se preparan para organizar a súa feira dos domingos. Iso si, en condicións diferentes das habituais. Agora só permiten a venda de produtos agroalimentarios, e estará só ao 10 por cento da súa capacidade. E controlaranse moito as medidas de seguridade. Tanto compradores como vendedores terán que levar máscaras e luvas.Tal e como se fixo hoxe na de Arzúa, onde todos agradeceron esta pequena volta á rutina.

 

Noticias web

08/05/2020