CRTVG

Buscar

O Goberno autoriza a reapertura das embaixadas catalás

Publicado o 17/01/2020 14:53

O Tribunal de Xustiza de Cataluña anula o decreto que amparaba a creación de 6 das chamadas embaixadas catalás. Di que non contaban co visto e prace do Goberno. A Generalitat explica que ese decreto xa estaba derrogado, polo que non vai pechar as oficinas. A sentenza chega o mesmo día en que o executivo autorizou a apertura doutras 3 destas delegacións do goberno catalán na Arxentina, México e Tunisia. A oposición pide que a ministra de Exteriores explique no Congreso o que consideran un cambio de criterio.

Teodoro García Egea, secretario xeral do PP, cre que "o que pecha a xustiza non pode reabrilo Pedro Sánchez como pago aos independentistas pola súa investidura. Desde o Partido Popular estamos convencidos de que o Goberno debe seguir o criterio de impedir que os separatistas abran e usen esas mal chamadas embaixadas para defender no exterior a autodeterminación de Cataluña"

O Goberno xustifica o seu permiso polas modificacións legais que a Generalitat aceptou introducir a petición da anterior responsable de Exteriores.

Margarita Robles, ministra de Defensa, explica que "a Generalitat de Cataluña atendeu os requirimentos que lle fixera o Goberno de España ao dicirlle que non podía ter unhas delegacións que fixeran unha política exterior, senón que se tiñan que limitar a aqueles aspectos das delegacións de carácter comercial, cultural"

A apertura destas 3 oficinas fora impugnada no seu día por Exteriores cando o dirixía Josep Borrell.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/01/2020