CRTVG

Buscar

O Goberno autoriza a ampliación da estación de tren de Santiago

Publicado o 01/06/2021 16:52
O Goberno autoriza a ampliación da estación de tren de Santiago

O Goberno autorizou este martes no Consello de Ministros a construción do novo edificio de viaxeiros da estación de ferrocarril de Santiago de Compostela por un valor de case 28 millóns de euros.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana licitará, a través da empresa pública Adif Alta Velocidade, o contrato das obras de execución do proxecto por un valor estimado de 27,75 millóns de euros, IVE non incluído. O novo recinto poderá recibir financiamento dos fondos europeos Next Generation.

O Ministerio salienta, nunha nota de prensa, o compromiso do ministro, José Luis Ábalos, de asumir a construción sen necesidade de formalizar un novo convenio coas outras administracións implicadas na estación intermodal de transportes, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela.

Tendo en conta que o proxecto se atopa tecnicamente aprobado, autorizouse a licitación directa das obras cun prazo de execución estimado de 30 meses.

O novo edificio, que incluirá as dependencias para servizos ferroviarios e comerciais, estará elevado sobre as actuais vías e apoiarase nas plataformas con soportes puntuais.

Formará unha unidade coa pasarela peonil que conecta a rede urbana, a estación ferroviaria e a terminal de autobuses, e implicará o acondicionamento das plataformas existentes para acceder verticalmente desde o vestíbulo principal mediante un nivel superior.

Tamén se farán as obras necesarias no edificio de viaxeiros actual para adaptalo á nova realidade funcional da estación. Do mesmo xeito, reestruturarase a superficie de aparcamento e a urbanización completa do ámbito interior, entre a rúa do Hórreo e as diferentes construcións do recinto.

O Ministerio asegura que as obras "respectarán e complementarán" as melloras realizadas na estación de Santiago de Compostela no ano 2018 cun investimento global de 9,25 millóns de euros.