CRTVG

Buscar

O Goberno aumenta as bolsas de educación e elimina o requisito académico

Publicado o 19/05/2020 15:21

• A concesión das axudas pasa a depender da situación económica do solicitante

• No ámbito universitario, cada beneficiario recibirá 100 euros máis

O Goberno incrementou un 22 % o orzamento de bolsas para o próximo curso 2020-21, co que as contías por bolsa aumentarán en 100 euros para a educación postobrigatoria non universitaria e os de grao e máster. Ademais, as bolsas pasan a depender dun criterio de renda e necesidade económica e non de mérito académico.

Segundo a reforma do sistema de bolsas acordada polos Ministerios de Universidades e Educación, o limiar 1 dos beneficiarios equipárase ao limiar da pobreza.

Ademais, os requisitos académicos para obter a bolsa universitaria completa rebáixanse e iguálanse aos necesarios para obter a bolsa de matrícula. Só será necesario un 5 de nota no primeiro curso; para o segundo curso e posteriores, superar unha porcentaxe de créditos menor ao actual modelo e elimínase a nota media.

O incremento total do Goberno é de 386 millóns de euros, dos que 207 millóns corresponden a ensinos non universitarios e 179 millóns a bolsas universitarias.

Con este aumento -"o máis importante do últimos dez anos", asegura o Executivo-, a cifra total investida no Sistema Estatal de bolsas e Axudas ao Estudo é de máis de 1.900 millóns de euros, que beneficiarán a 625.514 estudantes o próximo curso, 372.240 son de niveis postobligatorios non universitarios e 252.274 universitarios de grao e máster.

A medida de rebaixar os requisitos académicos universitarios fará que se beneficien 54.853 bolseiros de grao e a cobertura a familias con menos recursos, que pasarían do limiar 2 ao limiar 1, beneficiaría a 71.155 bolseiros de grao (65.627) e máster (5.528).

Preténdese que as contías "se acheguen progresivamente aos custos reais que supón seguir estudos postobligatorios e reforzar o seu papel de apoio á verdadeira igualdade de oportunidades no acceso á educación" recalcou Universidades.

Duplícase o número de persoas beneficiarias de bolsa completa, pasando de 89.376 a 175.945 no caso de estudantado de grao e máster.

Así mesmo, aumenta o investimento en persoas con discapacidade. No caso de estudos universitarios, proponse cubrir o custo completo anual que teñen as matrículas de estudantes con discapacidade da UNED/UNED (cun custo estimado de máis de tres millóns e medio de euros e beneficiaría a 4.737 estudantes con discapacidade).

Todas estas medidas plasmaranse nun real decreto que se presentará nas próximas semanas.


Lei de Cambio Climático 

O proxecto de lei fixa obxectivos moi ambiciosos. O maior deles: que en 2050 España só emita os gases de efectos invernadoiro que sexa capaz de absorber e que o sistema eléctrico sexa para daquela 100 por cento renovable.

Promoveranse edificacións e cidades máis sustentables, onde se movan vehículos que non emitan CO2 e abre á porta a que os municipios de máis de 50.000 habitantes introduzan límites á circulación de turismos contaminantes. O Goberno conta con que todo isto xere emprego. Os seus cálculos prevén a creación de entre 250.000 e 300.000 postos cada ano na próxima década.