CRTVG

Buscar

O Goberno, as CCAA e as Federacións acordan reiniciar as competicións non profesionais con todas as garantías

Publicado o 10/09/2020 14:31

A negociación dun protocolo marco anticovid para o deporte afeccionado quedou bloqueada o martes ao romper a mesa de diálogo entre Consello Superior de Deportes, federacións e comunidades autónomas. A situación de incerteza xerada alzou voces após de negociar ata o acordo.

O ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, púxose á fronte dunha última rolda negociadora que onte pola tarde callou en acordo. As diverxencias fundamentais estaban nas probas diagnósticas e nas ocupacións dos recintos deportivos.

Á falta de coñecer a letra miúda do acordado, haberá unha recomendación xeral para a realización de probas serolóxicas aos deportistas quince días antes de competir. Tests serolóxicos, e non PCR como inicialmente pretendía impoñer o CSD, o que suporá para os equipos un aforro duns 89 euros por deportista.

No outro punto conflitivo da negociación, o da limitación de capacidade dos recintos deportivos, o protocolo nacional seguirá recomendando os mil espectadores ao aire libre e cincocentos nas instalacións a cuberto, pero deixando a decisión final en cada caso, en cada deporte e mesmo en cada club, nas mans das comunidades autónomas que teñen as competencias.

Noticias web

10/09/2020