CRTVG

Buscar

O goberno arxentino aínda non sabe se reflotará o ARA San Juan

Publicado o 18/11/2018 15:05

Nunha mensaxe televisada o presidente arxentino, Mauricio Macri expresoulles onte as súas condolencias ás familias dos 44 membros da tripulación do ARA San Juan despois de coñeceren de madrugada a localización do submarino. O presidente declarou tres días de loito oficial e o seu compromiso a que se investigue que ocorreu hai algo máis dun ano.

Agora ábrese a etapa de serias investigacións para coñecer toda a verdade. Unha verdade coa que estamos comprometidos desde o primeiro día, e que é necesaria para honrar e respectar os nosos heroes e os seus familiares. A dúbida neste momento é cal será o seguinte paso que dará o goberno arxentino, despois de recoñecer que non ten o equipamento tecnolóxíco para sacalo á superficie. Algo que lle reclaman as familias para poder enterrar os seus e coñecer a verdade do que pasou aquel 15 de novembro.

"Eu quería outro desenlace. Aínda ata onte que me chegou ese parte, eu seguíao esperando. Cústame soltalo. Agora só penso en loitar e pedir, como lle pedín á xuíza é que ela colabore para que os refloten."O que pensamos que vén agora é un acto no lugar. Que nos van levar alí, como dicindo: Querían saber onde estaba? Aí está, tiren a floriña e váianse para a súa casa."

Ademais de ser un operativo moi complexo pola situación e o estado da nave, o goberno sabe que sería tamén moi custoso. A empresa estadounidense que o atopou cobrará sete millóns e medio de dólares pero no contrato non se inclúe o reflotamento do aparello.Hai precedentes de rescates de somerxibles afundidos a máis profundidade, pero de momento o goberno non anunciou ningunha decisión, que requiriría ademais unha autorización xudicial para que se poida mover a nave.

Noticias web

18/11/2018