O Goberno apura os prazos para que os descontos da AP−9 estean no mes de xullo
• Os vehículos pesados terán unha rebaixa do 20 % nas peaxes
• Ábalos asegura que non haberá peaxes nas autovías sen consenso
O ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana anunciou este xoves en Santiago de Compostela que os vehículos pesados terán unha rebaixa do 20 % sobre as tarifas actuais da AP-9. Ademais, asegurou que lle deu instrucións ao seu equipo para que as rebaixas das peaxes entren en vigor no mes de xullo.
José Luis Ábalos fixo estas declaracións no acto de inauguración das obras da escalinata do Obradoiro e do enreixado da catedral compostelá. Sobre os descontos para os vehículos pesados, explicou que se van aplicar nos traxectos de ida e volta e sen requisitos no canto a número de viaxes, recorrencia ou dispositivos a bordo.
Estas rebaixas, similares ás que reciben os vehículos lixeiros, financiaranse con cargo ao orzamento do Ministerio para esta autoestrada e representará un aforro para o sector de, polo menos, seis millóns de euros ao ano.
Salientou que se está a culminar o maior esquema de bonificacións da historia das concesións en España, que beneficiará a poboación galega, pero tamén a boa parte das persoas que visitan a comunidade.
Respecto aos prazos, subliñou que a tramitación administrativa é complexa. "A Administración segue uns procesos moi garantistas, con observacións por parte de moitos departamentos e, especialmente, da Avogacía, do Consello de Estado... Eu desde logo díxenlle ao equipo que ese é o compromiso e, polo menos, que se poidan aplicar as bonificacións no mes de xullo", dixo.
Alta velocidade
Durante a súa intervención, tamén se referiu á marcha das obras da alta velocidade en Galicia. Neste sentido, asegurou que as probas do treito Pedralba-Taboadela-Ourense "avanzan a bo ritmo".
Segundo o titular de Transportes, nestes momentos xa se están a realizar probas dinámicas e xeométricas de vía e catenaria a 200 km/h. Tamén avanzou que en breve comezarán as probas de sinalización e a auscultación de vía e catenaria a 300 km/h. Ábalos reafirmou a previsión de ter operativa a alta velocidade a Galicia este mesmo ano.
Feijóo queda coas palabras de Ábalos
O presidente da Xunta preferiu ignorar as declaracións de altos cargos de días pasados, dubidando da entrada en vigor dos descontos en xullo, e quedar coas palabras de Ábalos. Tras o Consello da Xunta, amosou a súa confianza en que se cumpra o pactado entre os gobernos central e autonómico no canto aos prazos e a contía exacta.
Alberto Núñez Feijóo lembrou que a AP-9 é a autoestrada máis cara de España polo que agarda que as bonificacións se apliquen canto antes "en beneficio dos galegos que a usan con frecuencia".