CRTVG

Buscar

O Goberno aprobará que as corentenas se reduzan a dez días, tal como xa adiantou Cataluña

Publicado o 22/09/2020 17:05

Coincidindo co empeoramento dos datos epidemiolóxicos en Cataluña, as autoridades sanitarias da comunidade anunciaron unha redución da corentena para os contaxiados por covid-19 que non presenten síntomas.

A partir da semana que vén deberán permanecer dez días illados, en vez dos catorce actuais. Con esta redución preténdese que os asintomáticos poidan recuperar o máis axiña posible a súa vida laboral e social.

A medida pode estenderse porque o ministro de Sanidade, Salvador Illa, di que, con toda probabilidade, quedarán en 10 días en toda España se non hai síntomas. Ademais, só se fará se houbo contacto estreito cun positivo.

O risco de repunta medrou por cuarta xornada consecutiva e os pacientes con coronavirus ingresados nos hospitais cataláns superan os 800, dos que 135 están en módulos UCI.

Nas últimas 24 horas detectáronse en Cataluña máis de 900 positivos diagnosticados por probas PCR e hai seis falecidos máis.

Na localidade valenciana de Benigànim, as restricións adoptadas a primeiros de mes conseguiron cortar a propagación do virus e este martes os seus preto de 6.000 habitantes recuperaban a normalidade.

Os cribados masivos que se están a facer en Almagro, obrigaron o Concello a solicitar a axuda do exército que instalou unha carpa militar onde facer as probas PCR aos veciños.

 

Noticias web

22/09/2020