CRTVG

Buscar

O Goberno aproba un subsidio para parados que esgotaron todas as axudas

Publicado o 03/11/2020 13:42

O Consello de Ministros aprobou este martes un subsidio para os parados que esgotaron todas as prestacións de desemprego durante os meses de confinamento cunha contía de 430 euros durante tres meses.

Con esta prestación, na que o Ministerio de Traballo levaba traballando desde o verán, darase cobertura a quen entre o 14 de marzo e 30 de xuño esgotaron o desemprego sen ter acceso a outras axudas nin tampouco poder buscar traballo polas restricións o confinamento e a parada da actividade económica.

A contía será o 80 % do IPREM, eses 430 euros, durante 3 meses e podería chegar a uns 250.000 desempregados.

Xunto a isto, o Consello de Ministros tamén aprobou un subsidio de desemprego para o persoal técnico ou auxiliar en eventos ou obras culturais co que esperan chegar a máis de 10.000 traballadores.

Segundo avanzou a semana pasada a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, poderán acceder a esta axuda, cun custo total de 14 millóns de euros, traballadores con só 35 días cotizados.

Tamén se deu luz verde á prórroga, ata o 31 de xaneiro de 2021, da prestación económica extraordinaria por desemprego para artistas en espectáculos públicos.

Esta ampliación, que cubrirá a uns 35.567 traballadores, terá un custo estimado de 95,4 millóns.