CRTVG

Buscar

O Goberno aproba un decreto con medidas urxentes para intentar aliviar a crise agraria

Publicado o 25/02/2020 21:23

• Prohibición da "venda a perdas" e de promocións de carácter enganoso 

Despois de semanas de negociacións, o Ministro de Agricultura levou ao Consello de Ministros varias iniciativas, entre as que destaca a reforma da Lei de Cadea Alimentaria. O obxectivo é mellorar os prezos en orixe ou, polo menos, cubrir custos para evitar a venda a perdas e garantir así a rendibilidade das explotacións. O executivo tamén aprobou outras medidas paliativas para os traballadores do campo, como a ampliación do seguro agrario ou a redución temporal do número de peonadas para acceder ao subsidio, o antigo PER.

O Ministro de Agricultura aseguraba hai uns minutos que o goberno escoitou as reivindicacións do sector agrario por consideralas xustas e lexítimas. Planas explicou que a reforma aprobada hoxe rematará cos desequilibrios que prexudican aos produtores.

As organizacións agrarias xa cualifican a protesta de hoxe de histórica. Levan tempo facendo reivindicacións para mellorar a situación do sector, pero aseguran que están chegando ao límite. Piden, entre outras moitas cousas, prezos dignos para os seus produtos.

Os pñrodutores de oliva de Xaén, os de uva de Alacante e milleiros de agricultores e gandeiros de Sevilla saíron hoxe á rúa. Estes últimos cortaron as principais vías de acceso e saída á cidade e ocasionaron retencións de varios quilómetros. É a quinta semana de protestas do sector do campo, que vive unha das peores crises das últimas décadas.

Prohibida a venda a perda

O Goberno deu aprobación a un real decreto polo que se adoptan determinadas medidas urxentes para garantir uns prezos xustos aos agricultores e gandeiros, que inclúe a prohibición da "venda a perda" e as promocións de carácter enganoso. "Prohíbese a destrución de valor en cada elemento da cadea, nin a industria nin a distribución poderá vender por baixo do prezo que custase producilo, coa excepción de produtos perecedoiros para evitar o malgasto alimentario", afirmou Planas, quen insistiu en que non se producirá un incremento de prezos ao consumidor. "O Goberno cre que iso é posible. Se cada un asume a súa responsabilidade no marco da cadea é perfectamente posible que os prezos non se incrementen e que, ao mesmo tempo, poida existir unha mellor retribución polo seu traballo a agricultores e gandeiros", afirmou.

Na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, Planas afirmou que o Goberno respondeu nun "tempo récord de tres semanas" ás esixencias urxentes dos agricultores e gandeiros, cuxas reivindicacións "teñen razón de ser e teñen que ser atendidas". "Agricultores e gandeiros mobilizáronse en prol dunhas lexítimas reivindicacións duns prezos xustos, que tiveron resposta cunha mesa de diálogo agrario. Boa parte destas reivindicacións teñen razón de ser e deben ser atendidas", afirmou Planas.

"O Goberno é un goberno de diálogo e acción que escoitou bos argumentos, e por iso damos resposta con este real decreto", sinalou o titular de Agricultura, quen destacou, entre os factores que ocasionaron o problema dos prezos, a volatilidade na oferta e a demanda, a crecente competencia internacional e a situación climática, ao que se suma a atomización fronte á industria e distribución á hora de negociar os prezos.

"Existe un claro desequilibrio na cadea, e o Goberno quere un reequilibrio entre os elos e unha transparencia na formación dos prezos", afirmou Planas. Planas recoñeceu que os custos de produción se incrementaron nos últimos tempos, o cal se traducía nun "desequilibrio" na cadea alimentaria, con particular prexuízo para os agricultores e gandeiros, quen, na súa opinión, estaban nunha situación "máis desfavorable".

Entre as principais medidas aprobadas figuran a prohibición da "venda a perdas" e de promocións comerciais de carácter enganoso e, como principal novidade, obrigar a que cada operador aboe ao inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo de produción do produto. Así mesmo, prevese que o operador que realice a venda final do produto ao consumidor non poida repercutir a ningún dos operadores anteriores o seu risco empresarial derivado da súa política comercial en materia de prezos ofertados ao público.

Adiantándose á esixencia da actual normativa europea na materia, prevese tamén a publicidade das infraccións graves e moi graves, con fins disuasorios pero tamén punitivos. No caso das sancións que impoña a Administración Xeral do Estado, esta publicidade darase por medio da páxina web do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Tamén se prevé como novidade destacada a inclusión do custo de produción no prezo como elemento mínimo dos contratos.

Na Lei orixinaria tense en conta para a composición do prezo o conxunto de factores obxectivos, verificables, non manipulables que deben ser expresamente establecidos no contrato, aínda que non se inclúe expresamente un factor que se considera esencial para a determinación, como é o custo de produción. Co fin de asegurar o cumprimento desas premisas, a norma incorpora unha lista exemplificativa de elementos dignos de consideración para as explotacións agrarias, tales como sementes, fertilizantes, pesticidas, enerxía ou maquinaria, e índices que, entre outros, poidan empregarse para asegurar esa obxectividade na súa determinación, como os publicados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. 

A norma recolle unha fiscalidade máis fraccionada nos pagos dos novos agricultores polas axudas da Política Agrícola Común (PAC), que agora poderán aboar en catro anos. En consecuencia, adáptase a normativa do IRPF para permitir neste suposto, do mesmo xeito que xa sucede noutros análogos, tributar en varios exercicios. É unha medida que, sendo os seus efectos moi relevantes, ten custo cero para as arcas públicas pois permite o pago do imposto ao longo das anualidades de execución das axudas, sen diminuír o volume final de ingresos públicos pero acomodándoo ao marco temporal en que se recibe a axuda.

Noticias web

25/02/2020