CRTVG

Buscar

O Goberno aproba os presupostos, pero segue sen ter os apoios necesarios

Publicado o 11/01/2019 21:53

O Goberno calcula que en 2019 recadará máis que nunca, preto de 227.000 millóns de euros. Parte virá da maior actividade económica e 5.700 millóns das subas de impostos a grandes empresas e fortunas, salarios de máis de 10.000 euros ao mes, ou a suba do diésel. María Jesús Montero, ministra de Facenda: "Esta é a fórmula para construír unha sociedade máis xusta e solidaria a cuxa pedagoxía non renunciamos. Quen propugna unha carreira fiscal á baixa en realidade están defendendo a fin da igualdade de oportunidades"

Con esa recadación, o executivo prevé elevar un 6% o gasto en pensións, que absorberá 4 de cada 10 euros públicos. As partidas que máis medran son as de dependencia, case un 60%, e o gasto en infraestruturas, preto do 40% máis que o ano pasado. Soben todas as partidas, agás os xuros da débeda pública e os gastos da Seguridade Social. As contas prevén que España medre este ano unha décima menos do previsto, un 2,2% e que o paro baixe dúas décimas menos do esperado, ata o 14%. Nadia Calviño, ministra de Economía "É moi importante que se aproben estes presupostos para dar claridade, certeza e reforzar a confianza que os mercados financeiros internacionais están tendo no noso país"

Por primeira vez, os presupostos reservan un 18% de investimentos para Cataluña. O executivo di que non é unha contrapartida polo apoio dos independentistas, senón o cumprimento do que marca o Estatut.

Reaccións políticas

O presidente catalán e o seu antecesor descargan a resposta aos presupostos no PDeCAT e Esquerra, pero Puigdemont desdeña as ofertas. Carles Puigdemont, ex-presidente da Generalitat: "Isto non vai de partidas presupostarias concretas, isto vai de dereitos fundamentais que se están violando, especialmente o dereito á autodeterminación de Cataluña" Isabel Celaá, voceira do Goberno "O que lle corresponde facer aos tribunais non o fará o executivo. Estamos falando de presupostos, de melloras para a cidadanía, de números"

En Ciudadanos pensan que se a clave dos presupostos hai que buscala en Bélxica, mellor que haxa eleccións. José Manuel Villegas, secretario xeral de Ciudadanos: "O futuro de España hai que poñelo en mans dos españois e non en mans do señor Puigdemont e do señor Torra, reunidos en Waterloo" 

O goberno aseguralle a Podemos que as contas inclúen todo o pactado con eles en outubro. Pero a formación morada quere garantías sobre a parte do acordo que non dependen do presuposto. Noelia Vera, voceira de Podemos "Se non o fai, non quedará outra que irnos a eleccións"

O PP fala dun mal día para España e pregúntase onde queda a man que Sánchez lles tendeu o luns.  Pablo Casad, presidente do PP "É unha proposta letal para os intereses da economía española. É unha proposta egoísta, partidista, sectaria, innecesaria, irresponsable e irreal".Casado interpreta que Sánchez sube os impostos para pagar a súa campaña electoral.

Os empresarios rexeitan os presupostos

A CEOE mostrou a súa preocupación porque considera que os presupostos aprobados polo Goberno prevén máis gastos que ingresos. Os empresarios cren que se achega unha nova desaceleración da economía que esixe ao seu xuízo un rigor presupostario. Aínda así, o presidente da CEOE afirmou descoñecer as contas ata que a ministra de Economía llas presente a semana que vén. Tamén rexeitan unha posible suba de impostos ás empresas porque afirman que iso rompería a competitividade do país. A CEOE alerta da inestabilidade político por Cataluña, un asunto que cren hai que arreglar porque esa comunidade representa o 20 por cento do PIB español. 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2019