CRTVG

Buscar

O Goberno aproba o proxecto de lei de educación que busca "equidade e inclusión"

Publicado o 04/03/2020 12:24

• A relixión non contará para acceder á ABAU nin ás bolsas 

O Consello de Ministros aproba a nova lei educativa, a oitava da democracia. O principal obxectivo, segundo o Goberno, é aumentar a competencia cognitiva dos alumnos e reforzar a educación pública. 

De feito, os centros concertados non poderán aumentar as prazas aínda que haxa demanda das familias. E os alumnos con necesidades específicas distribuiranse entre todos os colexios sostidos con fondos públicos, tamén os concertados. Respecto ao idioma, serán as comunidades as que decidan a proporción entre o castelán e outras linguas cooficiais. E as subvencións irán preferentemente para os colexios que non separen por xénero.

A nova Lei de educación trae cambios para os alumnos. Poderán obter o título de bacharelato cunha materia suspensa, sempre que o aprobe unha xunta de avaliación.

Elimínase a reválida final da ESO e a intención é recuperar a anterior proba de acceso á universidade.

Tamén remata cos itinerarios. Os alumnos xa non terán que decidir aos 14 anos, segundo as materias que escollan, se van para FP ou para bacharelato.

A relixión non contará para a nota media. E todos os estudantes cursarán en primaria e na ESO unha materia de valores éticos e cívicos.

O Goberno tamén quere cambiar a orientación das bolsas e que para obter as axudas prime máis a situación económica e menos o expediente.

A lei pasa agora ao Congreso e aínda pode cambiar na negociación cos grupos. O Partido Popular critica a reforma porque considera que é unha imposición do goberno, e que non garante a pluralidade educativa.

 

 

Noticias web

04/03/2020