CRTVG

Buscar

O Goberno aproba o plan piloto dunha aplicación que rastrexa a covid-19 simulando unha epidemia

Publicado o 23/06/2020 17:23
O Goberno aproba o plan piloto dunha aplicación que rastrexa a covid-19 simulando unha epidemia

O Consello de Ministros aprobou este martes un contrato con Indra para deseñar, desenvolver e avaliar unha proba piloto dunha aplicación de rastrexo a través do teléfono móbil que permitirá notificar aos contactos dun usuario o risco de contraer a Covid-19 tras simular contaxios na illa canaria da Gomera

Esta proba piloto, impulsada polo Ministerio de Asuntos Económicos e de Transformación Dixital, en coordinación co Servizo de Saúde de Canarias, poñerase en marcha o próximo 29 de xuño na Gomera durante dúas semanas e a súa tecnoloxía basearase na conexión 'bluetooth' do móbil, segundo informaron fontes do Goberno en nota de prensa. 

O seu obxectivo é avaliar os aspectos técnicos da aplicación e a experiencia de uso do cidadán co fin de optimizar o seu deseño e grao de confianza que ofrece. Ademais servirá para calibrar o algoritmo da aplicación co fin de garantir a veracidade das notificacións. 

A decisión sobre se esta aplicación se implantará no resto de España adoptarase unha vez concluída e avaliada a proba piloto nun escenario real. A última palabra terana as comunidades autónomas, segundo fontes gobernamentais. 

Nestes momentos, "a maioría de países europeos atópanse en fases similares do desenvolvemento de ferramentas de alerta de contaxios", segundo as fontes, que aludiron a Francia, Italia ou Alemaña, que as lanzaron nas últimas semanas.  

O primeiro piloto do mundo que simula contaxios 

España é o cuarto país do mundo en lanzar un piloto coa API (Interface de Programación de Aplicacións) de Apple e Google. Deles, este será o primeiro piloto que se preocupa pola experiencia de usuario e o único que simula contaxios, o que permitirá solicitar mellores datos. 

Os países que participan nos traballos comúns a nivel europeo, entre eles España, acordaron a interoperabilidade das súas solucións tecnolóxicas.  

Conexión 'bluetooth'

A aplicación utiliza a conexión 'bluetooth' do terminal, a través da cal os móbiles emiten e observan identificadores anónimos doutros teléfonos que cambian periodicamente. Cando dous terminais estiveron próximos durante un determinado período de tempo, ambos gardan o identificador anónimo emitido polo outro.

Enténdese que existe risco se o contacto foi polo menos durante 15 minutos e a menos de dous metros, segundo informaron fontes gobernamentais, que se basean en criterios sanitarios para establecer este sistema. 

Se algún usuario fose diagnosticado positivo da covid-19 tras realizarse un test PCR, decidiría se dar o seu consentimento para que, a través do sistema de saúde, poidan enviar unha notificación anónima. Desta forma, os móbiles que estiveran en contacto co paciente recibirían un aviso sobre o risco de posible contaxio e facilitaríanse instrucións sobre como proceder. 

Fontes do Goberno explicaron que, 'a priori', considérase que a mostra sería representativa se esta aplicación a descargasen preto de 3.000 persoas. Se alcanza esa cifra, a idea sería introducir uns 300 contaxiados simulados.  

A aplicación garante a privacidade

O desenvolvemento utiliza un modelo descentralizado o máis respectuoso coa privacidade do usuario. Isto implica que só se envían ao servidor os identificadores cifrados que cada móbil emite, non os que recibe doutros terminais próximos. 

O cotexo de datos e análises de risco lévase a cabo sempre no móbil do usuario e non nun servidor, o que garante a privacidade. Esta aplicación cumpre, por tanto, con todas as garantías fixadas pola normativa europea. Ademais, o uso da aplicación será voluntario.

A Axencia Española de Protección de Datos participou no proceso previo á posta en marcha deste piloto e participará tamén na avaliación dos resultados. O contrato con Indra para esta aplicación ten un importe de máis de 330.537 euros.