CRTVG

Buscar

O Goberno aproba o decreto para que os bancos paguen o imposto das hipotecas

Publicado o 08/11/2018 22:01

O Consello de Ministros aprobou tamén o decreto para que sexan os bancos os que paguen o imposto das hipotecas e ademais non poderán deducilo.  A norma entra en vigor o sábado, un día despois de que se publique no 'Boletín Oficial do Estado'. Na práctica beneficiará os que asinen unha hipoteca a partir da semana que vén. Non ten efectos retroactivos. O Goberno di que actúa en defensa do interese xeral e para garantir seguridade xurídica a todos os implicados na compravenda dunha vivenda.  

O poder executivo actúa hoxe para corrixir na práctica o Poder Xudicial. O Goberno non comparte a decisión do Supremo de que paguen os clientes o imposto das hipotecas e para evitalo cambia a lei cun real decreto de reforma. Din que o fan para protexer os cidadáns pero tamén para que non volva haber dúbidas sobre quen paga o imposto. O propio presidente do Supremo atribuíu a actuación do tribunal á falta de claridade da Lei hipotecaria, vixente dende hai 35 anos. Unha actuación sen precedentes na historia do Supremo, con dous cambios de doutrina en quince días e cos maxistrados completamente divididos. Todas as asociacións de xuíces criticaron a xestión do asunto, pero negan que a actuación dos tribunais responda a presións externas. O decreto do Goberno suporá, segundo os cálculos de Moody's, que os bancos paguen cada ano máis de 600 millóns ás facendas autonómicas, que son as que xestionan o imposto de actos xurídicos.

A ministra de Facenda xustifica que o Partido Socialista non baixara este imposto anteriormente en comunidades en que goberna, como Andalucía.  Di que os territorios con peor financiamento teñen que facer máis uso deste tributo para garantir os servizos sociais.

Os bancos advirten do cambio

Os economistas coinciden en que os bancos repercutirán o custo do imposto nos clientes. Din que as entidades farán contas e subirán prezos para poder manter a súa marxe de beneficio no mercado hipotecario.

Maite Cancelo, economista: "Hai dúas opcións. Ou ben a través de cpmisións ou a través dunha suba de tipo de xuro, que é o máis provable porque as comisións poderían verse nalgunha situación de demandas xudicias por tema de cláusulas abusivas".

A competencia entre as entidades marcará as decisións que tomen sobre cómo e qué parte do sobrecusto se trasladará ao cliente. Dependerá da estratexia comercial de cada banco. Pero todo apunta a que o sector limitará o impacto do cambio nas súas contas.

Maite Cancelo, economista: "Porque ao final estamos nun mercado onde non hai tantos competidores, é un número reducido de entidades, e, ademais, a todas lles afecta ese custo adicional que terían que soportar co cambio de lexislación".  

Os analistas avanzan que o encarecemento das hipotecas podería empezar a notarse a partir do 2019, coincidindo coa lenta pero constante suba do euríbor.

O Goberno ten que xuntar apoios parlamentarios para validar o decreto no Congreso

O Partido Popular pide ir máis aló e eliminar o imposto de actos xurídicos. Ciudadanos e Podemos avanzan que apoiarán o decreto, aínda que os de Iglesias o consideran insuficiente. Albert Rivera aposta por despolitizar o poder xudicial.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/11/2018