Aprobado o anteproxecto da primeira lei de Vivenda, que regula prezos dos alugueiros
O Consello de Ministros deu este martes o seu primeiro visto e prace ao anteproxecto de Lei polo Dereito á Vivenda, que permite ás comunidades autónomas limitar o prezo do alugueiro nas zonas tensionadas ás empresas propietarias de máis de dez vivendas.
A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, defendeu que o texto ofrece seguridade xurídica tanto ao propietario como ao inquilino, que non atenta contra a propiedade privada e que non vai supoñer un risco para que os fondos de investimento deixen de "considerar atractivo o noso país".
A portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou que será a primeira lei estatal que desenvolve en España o dereito á vivenda, mentres que a titular de Dereitos Sociais, Ione Belarra, celebrou a "boa noticia" cun vídeo en Twitter no que se declara "moi satisfeita polo traballo realizado conxuntamente co Ministerio de Transportes".
A lei establece controis dos prezos de alugueiros nas chamadas zonas tensionadas, aquelas en que os gastos destinados a vivenda superen o 30 por cento da renda da zona. Serían un milleiro de municipios españois.
A rebaixa dos prezos dos alugueiros aféctalles aos grandes propietarios: as persoas xurídicas con máis de dez vivendas, que terán 18 meses para adaptarse á norma. Para os arrendatarios, estas condicións limitan o impacto da nova lei.
Verónica Urreaga, avogada da Asociación de Inquilinos da Coruña, di que "a nova lei de vivenda non cumpre as expectativas, e a regulación dos prezos dos alugueiros non é a solución".
Os pequenos propietarios e empresas con menos de 10 vivendas só poderán subir o IPC. Se rebaixan o prezo dos alugueiros poderán acollerse a incentivos fiscais dende o 50 ata o 90 por cento do IRPF.
A lei tamén prevé que os concellos poderán recargar ata o 150 % do IBI nas vivendas baleiras, unha medida que os arrendadores ven inxusta.
Jesús Cortés, xerente dunha inmobiliaria di que "eles pagáronas e están pagando impostos como calquera persoa que teña unha ou dúas, porque teñan dez non quere dicir nada. Non é proporcional".
O anteproxecto tamén destina a vivenda pública un 30 % do solo urbanizado nas novas promocións.