CRTVG

Buscar

O Goberno aproba o anteproxecto da Lei de memoria democrática

Publicado o 15/09/2020 14:53

A nova Lei de memoria democrática é unha actualización daqueloutra aprobada por Zapatero no 2007. O anteproxecto recolle novos instrumentos para reparar as vítimas da ditadura, como anular as sentenzas dos tribunais franquistas ou deixar sen efecto as condecoracións outorgadas polo réxime.

Tamén se impulsará a exhumación de fosas e crearase un banco central de ADN, onde familiares de represaliados poidan deixar mostras e facilitar así a identificación de restos. A vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo, anunciou que "será o Estado, en coordinación con outras administracións públicas, o que se faga cargo, non só en termos económicos, senón tamén de seguridade, de identificalos e entregalos aos seus familiares"

Ademais, habilitarase un censo nacional de vítimas e crearase unha fiscalía especial no Tribunal Supremo. A futura lei tamén permitirá ilegalizar entidades que exalten a ditadura, e o Goberno xa ten no punto de mira a Fundación Francisco Franco.

Noticias web

15/09/2020