CRTVG

Buscar

O Goberno aproba este martes o proxecto de lei que derrogará a LOMCE

Publicado o 03/03/2020 09:00

Chega ao Consello de Ministros por segunda vez o proxecto de lei educativa co que o Goberno quere derrogar a Lomce. A coñecida como lei Celáa volve tramitarse sen cambios, con propostas como que relixión non conte na nota media, unha nova materia de valores cívicos e a desaparición das reválidas.

O proxecto de lei que aprobará este martes o Goberno derrogará a actual lei educativa, a LOMCE, vixente desde 2013. Foi unha promesa reitarada do PSOE e tamén un dos puntos do acordo de goberno de coalición asinado con Unidas Podemos. Os socialistas queren que sexa a primeira lei da lexislatura.

Cristina Narbona, presidenta do PSOE: "É tamén o desexo dos sindicatos e da inmensa maioría da comunidade educativa, coa que o PSOE vén dialogando no último ano e con quen segue dialogando".

O Partido Popular di que é unha reforma imposta. Na Xunta critican que non se contara coas comunidades autónomas para facela.

Carmen Pomar, conselleira de Educación, Universidades e Formación Profesional: "Desde logo, Galicia non foi partícipe das conversas previas á redacción do proxecto de lei. Atopámonos cunha tramitación que vai ser rápida en exceso, hai moita présa por tramitar esta lei".

Cuca Gamarra, vicesecretaria de Política Social do PP: "Non é o camiño adecuado impoñer unha reforma educativa".

O PP di que aínda hai termpo, e téndelle a man ao Goberno para negociar un pacto pola Educación.

Noticias web

03/03/2020