CRTVG

Buscar

O Goberno aproba hoxe as primeiras medidas para reformar o sistema de pensións

Publicado o 24/08/2021 09:05

O Consello de Ministros deste martes, o primeiro tras a paréntese de vacacións, vai aprobar o proxecto de lei co primeiro bloque de medidas para reformar o sistema de pensións, unha vez que o anteproxecto superou todos os trámites.

Esta normativa volverá vincular a revalorización das pensións á inflación do ano anterior, co que se elimina o denominado factor de sustentabilidade aprobado no ano 2013. O anteproxecto de lei de garantía do poder adquisitivo das pensións estivo sometido a audiencia e información pública ata o pasado 16 de xullo e recibiu distintos informes técnicos, así como o ditame do Consello Económico e Social (CES).

Froito de varios meses de negociación entre Goberno, patronal e sindicatos, o acordo social coas primeiras medidas para reformar o sistema de pensións viu a luz o pasado 28 de xuño e rubricouse na Moncloa o 1 de xullo polos líderes dos sindicatos e a CEOE e o presidente do Executivo, Pedro Sánchez. Este acordo logrado no diálogo social responde as recomendacións da Comisión Parlamentaria do Pacto de Toledo e, unha vez convertido en proxecto de lei e enviado ás Cortes, será tramitado durante o outono co obxectivo de que entre en vigor o 1 de xaneiro de 2022.

Ademais da revalorización das pensións, o primeiro paquete de medidas inclúe a derrogación do factor de sustentabilidade e o compromiso de acordar no diálogo social un novo mecanismo de axuste durante os próximos meses que empezaría a aplicarse en 2027. Esta primeira peza da reforma afectará así mesmo os coeficientes redutores para as prexubilacións e incluirá medidas diversas para estender, de forma voluntaria, as carreiras laborais co obxectivo de ir achegando a idade real de xubilación á legal.

Tamén limita a xubilación forzosa pactada nos convenios colectivos aínda que con algunhas excepcións que pasan por incentivar a contratación indefinida e, nos sectores máis masculinizados, fomentando a de mulleres. 

Este luns, o Movemento de Pensionistas retomaba en Bilbao as marchas para reclamar un sistema solvente con pensións públicas e dignas.

Noticias web

24/08/2021