CRTVG

Buscar

O Goberno aproba o ingreso mínimo vital para 850.000 fogares vulnerables

Publicado o 29/05/2020 14:33

• A prestación, de 462 euros mensuais por persoa, pode solicitarse desde o 15 de xuño

• Complementará ingresos laborais e incentivará a busca de emprego

O Consello de ministros aprobou hoxe o ingreso mínimo vital, un compromiso de lexislatura da coalición de Goberno entre o PSOE e Unidas Podemos "que a raíz da pandemia converteuse nunha necesidade urxente", segundo dixo o vicepresidente, Pablo Iglesias. Explicou que "hoxe nace un novo dereito en España" porque "non hai liberdade se non se chega a fin de mes".

"Hoxe, con toda a humildade, o Goberno está demostrando que a opción política deste Goberno é a xustiza social", dixo Iglesias, que insistiu en que, con esta medida, o executivo "demostra que tomamos en serio o mandato constitucional".

O vicepresidente explicou que a prestación non fomentará a economía somerxida porque "é compatible con outros ingresos, incluídos os laborais, polo que permite evitar a trampa da pobreza". Neste sentido, explicou que a renda inclúe un estímulo específico ao emprego, "un mecanismo parecido ao que aplican en Euskadi e Navarra, polo que se o beneficiario incrementa os seus ingresos laborais, unha parte non computará para o cálculo da prestación".

A prestación está dirixida a todas as persoas de entre 23 e 65 anos (a partir dos 18 anos se hai menores a cargo) que acrediten residencia en España desde hai un ano, estean dados de alta como demandantes de emprego e teñan ingresos inferiores a 462 euros ao mes, que será a contía máxima da prestación por persoa. Ademais, os bens patrimoniais non excederán os 16.614 euros para unha persoa que viva soa ata un máximo de 43.196 euros, restando a débeda e sen ter en conta a vivenda habitual.

Por cada persoa adicional da unidade familiar sumaranse 139 euros ata un máximo de 1.015 euros, e con 150 euros adicionais no caso de familias monoparentais. É compatible con outras rendas de inserción das comunidades autónomas, que, segundo explicou o ministro de Seguridade Social, José Luís Escrivá, "están preparadas para redefinir e axustar á nova situación as súas prestacións".

A renda poderá solicitarse a partir do 15 de xuño, e todas as solicitudes que se realicen ata o 15 de setembro e sexan aprobadas percibirán a prestación con efectos retroactivos desde o 1 de xuño. Terá que facerse a través da sede electrónica da Seguridade Social que, con todo, actuará de oficio nos casos de beneficiarios que xa perciban as prestacións por fillos a cargo.

A medida, segundo Iglesias, será "especialmente útil para loitar contra a pobreza infantil" e "aboslutamente imprescindible para implementar a recuperación económica". Afondou en que "os recursos que imos transferir aos fogares non van acabar nun paraíso fiscal, van ir directamente ao consumo".

Escrivá explicou que se pretende chegar a uns 850.000 fogares e que se pretende reducir nun 80 % a pobreza extrema en España. "É o instrumento máis potente que existe para redistribuír a riqueza", dixo.

En canto á negociación coas comunidades autónomas, o Goberno chegou a un acordo co PNV polo cal o País Vasco e Navarra asumirán os trámites desta prestación. Outras comunidades pediron que tamén se lles transfira a xestión do ingreso mínimo vital, como Cataluña ou Galicia, ou pediron a "coxestión" do mesmo, como no caso da Generalitat Valenciana. 

Noticias web

29/05/2020