CRTVG

Buscar

O Goberno aproba mañá o fondo electrointensivo, dotado con 600 millóns

Publicado o 22/06/2020 13:26
O Goberno aproba mañá o fondo electrointensivo, dotado con 600 millóns

O Consello de Ministros vai aprobar este martes o Fondo de reserva de garantía para que consumidores electrointensivos subscriban contratos de compravenda de enerxía a medio e longo prazo, que estará dotado con 600 millóns de euros no seu primeiros tres anos de vida.

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, lembrou este luns nun encontro virtual organizado por Nova Economía, que este fondo permitirá apoiar o estatuto dos consumidores  electrointensivos, que se aprobará "en breve".

Segundo o anteproxecto de lei de creación, o Fondo de reserva para garantías de entidades  electrointensivas, que se deu a coñecer en febreiro, estará dotado con 200 millóns anuais no seu primeiros tres anos de vida para cubrir un máximo de 600 millóns de investimento.

A partir do cuarto ano, a súa contía determinarase nos orzamentos xerais do Estado, que establecerán en cada exercicio as cantidades máximas a cubrir e as ampliacións que se fagan do fondo.

Este fondo é unha das medidas de apoio ás empresas industriais con gran consumo de electricidade recollidas no borrador do estatuto do consumidor electrointensivo e a súa finalidade é regular a cobertura por conta do Estado dos riscos que adquiran empresas electrointensivas nas operacións de compra de enerxía a medio e longo prazo.

A Compañía Española de Seguros de Crédito á Exportación (Cesce) será o axente xestor deste fondo, co que se pretende fomentar a subscrición desas operacións por parte das industrias  electrointensivas, a fin de que vexan reducido tamén por este medio a súa factura eléctrica.