CRTVG

Buscar

O Executivo apela á responsabilidade dos adultos: "Non debe haber máis abusos"

Publicado o 27/04/2020 20:39

• As sancións polos incumprimentos nos paseos dos nenos van dende os 600 ata os 1.500 euros | Illa di que só o 1 % da poboación non cumpriu as recomendacións

O Goberno pediu á cidadanía responsabilidade e extremar as medidas de seguridade no segundo día en que están permitidas as saídas de nenos para evitar un paso atrás na crise do coronavirus, despois de que o domingo se producisen abusos e excesos dunha minoría do 1 %. O Executivo recoñeceu este luns o comportamento exemplar do 99 % dos españois nas primeiras saídas de nenos á rúa tras seis semanas de confinamento, pero alertou dos excesos dun 1 % que non respectou as normas e cuxo proceder podería poñer en perigo os avances na loita contra o virus.

"A inmensa maioría, o 99 %, cumpriu de forma exemplar a primeira medida de alivio" do confinamento, explicou en conferencia de prensa o ministro de Sanidade, Salvador Illa, quen agradeceu estes "comportamentos modélicos".

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, salientou que esta nova fase é difícil e hai que ter un "coidado especial", porque non se pode "dar un paso atrás": "Estas medidas de desconfinamento non implican aínda que poidamos facer todo o que queiramos". Simón instou a ter responsabilidade individual e familiar para garantir que a apertura progresiva "non se converta nun risco para a poboación" e lembrou que un mal comportamento pode ter impacto na epidemia e na mortalidade.

O experto destacou que as seguintes medidas de alivio do confinamento dependerán da evolución da epidemia e fixo fincapé en que se non se respectan todas as indicacións nas saídas con nenos "obviamente esa fase de transición chegará máis tarde ou será máis lenta do que nos gustaría".

Desde o domingo, os menores poden saír á rúa acompañados por un único adulto (un máximo de tres menores por adulto), unha vez ao día, durante unha hora e a unha distancia máxima dun quilómetro do domicilio. Tamén o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, recalcou que a inmensa maioría de pais e nais demostraron responsabilidade á hora de protexer a saúde dos seus fillos e da sociedade, aínda que recoñeceu que se produciron incumprimentos puntuais, non sistemáticos, dunha minoría "absolutamente insolidaria" que puxo en perigo "os seus fillos e a sociedade".

En zonas concretas detectouse a unidade familiar ao completo, grupos de nenos xogando xuntos e grupos de pais charlando entre eles, detallou Grande-Marlaska. Segundo o titular do Interior, as detencións e propostas de sanción mantivéronse o domingo nos niveis habituais rexistrados nas xornadas anteriores do estado de alarma (as forzas de seguridade tramitaron 17.515 propostas de sanción e detiveron 157 persoas). Os axentes, dixo, mantivéronse "vixilantes", exerceron un labor pedagóxico e "actuaron nas situacións máis graves".

Algunhas policías locais, como as de Madrid e Pamplona, xa advertiron de que o primeiro día dos paseos con nenos realizaron un labor informativo e pedagóxico, pero este luns comezarán as sancións polos incumprimentos das medidas esixidas. En Valencia, incrementouse o control policial para vixiar o cumprimento das normas especialmente nunha zona do antigo leito do Turia, onde o domingo se rexistraron aglomeracións, pero manteranse abertos "de momento" os parques e xardíns.

As imaxes de familias completas paseando sen respectar a distancia de seguridade ou de nenos xogando ao fútbol foron obxecto de críticas dos usuarios en redes sociais. O alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, recalcou que aínda non se venceu a pandemia e pediu "por favor" responsabilidade ás persoas que incumpriron as medidas de seguridade o domingo, porque a sociedade non pode permitirse baixar a garda nin tomar ningunha licenza. Este luns, Cataluña volveu pedir que as saídas dos nenos se organicen por treitos horarios porque o sistema actual, dixo o conseller de Interior, Miquel Buch, fai "moi difícil comprobar e demostrar" que os menores de 14 anos só saen unha hora.

Mentres algunhas cidades optaron por pechar os seus parques para evitar concentracións e aglomeracións, como Madrid e Cáceres, o Concello de Lugo pintará xogos infantís nas beirarrúas da cidade para que os nenos poidan xogar ao aire libre.

Noticias web

27/04/2020