CRTVG

Buscar

O Goberno merca 17 millóns de doses adicionais da vacina de Moderna

Publicado o 02/03/2021 17:00

España adquirirá 17 millóns de doses adicionais da vacina de Moderna no marco do novo proceso de negociación da Unión Europea, que comprará 150 millóns máis a este laboratorio, segundo a ministra portavoz, María Jesús Montero, que revelou que o Goberno investiu xa case 1.900 millóns de euros nas diferentes vacinas contra a covid-19 que foron aparecendo.

Así o dixo Montero este martes na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, na que detallou que, da compra total da UE, a España correspóndenlle 17 millóns de doses, das cales 5,7 millóns chegarán no terceiro trimestre do ano e 11,3 no cuarto.

Esta nova remesa de vacinas de Moderna súmase aos 16 millóns que España "podería dispoñer grazas á compra inicial de novembro por parte da Comisión Europea", subliñou, e servirá para que as comunidades poidan cumprir co seu calendario de vacinación.

Montero destacou que a día de hoxe se distribuíron entre as comunidades 4,5 millóns de doses das vacinas que chegaron a España de Pfizer, Moderna e AstraZenaca, inxectáronse case 4 millóns delas, e 1,3 millóns de persoas recibiron a pauta de vacinación completa; unha cifra que a portavoz augurou que se incrementará nos próximos días.

"Hai xa máis persoas vacinadas cunha dose que contaxiadas", subliñou Montero, ao lembrar que o obxectivo do Goberno é que ao longo do verán a poboación estea vacinada ao 70 %. Pero advertiu de que, mentres "non haxa suficiente inmunización colectiva, non se poden relaxar as medidas" para evitar o contaxio do virus "nin deixar ningún tipo de greta para que entre".

Ademais, Montero explicou que se investirá un millón de euros na contratación dun centro para o almacenamento e distribución das vacinas de AstraZeneca.