CRTVG

Buscar

O Goberno ante a posible derrogación do decreto: "Non hai segunda oportunidade"

Publicado o 10/09/2020 11:04
O Goberno ante a posible derrogación do decreto: "Non hai segunda oportunidade"

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, asegurou este xoves que se o decreto lei que permite o acceso aos remanentes dos concellos e crea un fondo de 5.000 millóns é derrogado no Congreso, os concellos sufrirán "un grave contratempo" nas súas finanzas ante o que non haberá unha "segunda oportunidade".

O contido do decreto lei sobre o financiamento dos concellos para que se recuperen dos efectos da pandemia foi defendido por Montero no Congreso. Dada a falta de apoios parlamentarios, salvo cambios na votación que terá lugar este xoves, será derrogado.

A ministra fixo alusión a esa posibilidade e convidou á reflexión aos grupos parlamentarios, para que permitan a convalidación do decreto e logo a súa tramitación como proxecto de lei.

Montero subliñou a intensidade de negociación que os grupos do PSOE e de Unidas Podemos desenvolveron durante os últimos días para obter máis apoio.

Ambos os grupos, e tamén o Ministerio de Facenda, expuxeron o pasado mércores unha oferta sobre o criterio de repartición do fondo de 5.000 millóns, unha das cuestións que a oposición rexeitaba.

Conforme explicou, un 60 %, isto é, ata 3.000 millóns, repartiríase por criterio de poboación, como pedían moitos grupos, e o resto dedicaríase á mobilización dos remanentes. Tampouco esta oferta, continuou a ministra, reuniu o "si" dunha maioría.

Montero pediu propostas e outras opcións, pois ata este xoves, segundo as súas palabras, non recibiu ningunha que respectase os límites constitucionais e a lei de estabilidade, segundo as cales os concellos non poderían entrar en déficit.

Se o decreto é derrogado, por tanto, e queda sen efecto, Montero remarcou que a oposición non conte logo co PSOE nin con Unidas Podemos para articular outro fondo.

"A non convalidación é un grave contratempo para os concellos coas regras fiscais en vixencia porque non poderían usar os recursos adicionais" que o decreto permite, entre eles, por exemplo, un fondo para compensar as perdas no transporte urbano pola pandemia, de ata 400 millóns de euros, explicou Montero.