CRTVG

Buscar

O Goberno amplía a oito anos o prazo de devolución dos préstamos ICO

Publicado o 17/11/2020 14:11

  • A rebaixa do IVE das máscaras entra mañá en vigor

• Facenda transfire 6.000 millóns de euros á Seguridade Social

Empresas e autónomos beneficiarios dos préstamos avalados polo ICO disporán de ata oito anos para devolver os cartos, tres máis dos que estaban fixados e o máximo legal permitido. O Goberno aprobou un real decreto para estender os vencementos dos préstamos e que tamén amplía o prazo de solicitude dos avais ata o vindeiro 30 de xuño.

Estas medidas son aplicables tanto á liña principal de financiamento de 100.000 millóns de euros como á posterior de 40.000 millóns, que nos dous casos se amplían ata finais de xuño de 2021.

Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, a vicepresidenta terceira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, explicou en que consisten estas medidas de apoio á solvencia empresarial e en materia tributaria para facer fronte aos estragos da covid-19.

Do que se trata, explicou Calviño, é de reforzar a "rede de seguridade" para preservar o tecido produtivo nos próximos meses. Con estas medidas, dixo a ministra, "os autónomos e as empresas notarán un importante alivio da súa carga financeira de modo que disporán de máis tempo para recuperar a súa actividade empresarial e afrontar as súas obrigas financeiras".

A titular de Economía puntualizou que o Goberno pretende así "axudar os proxectos que ata a interrupción da covid-19 eran sostibles e que temporalmente poden estar atravesando problemnas de liquidez ou desequilibrios patrimoniais por estas circunstancias extraordinarias".

Acollerse a estas ampliacións depende en todos os casos da vontade da empresa, e en ningún caso é obrigatoria.

O decreto establece tamén deducións do 50 % nos custos de aranceis ou gastos notariais, que corresponden ao banco pero con deducións, e que terán un tratamento máis favorable en  novaciones e préstamos.

Preto de 570.000 empresas benefícianse na actualidade destes programas de préstamos, que ata a data supuxeron axudas por 87.000 millóns de euros. O 98 por cento dos préstamos son para pemes e autónomos.

Nunha xuntanza con marcado contido económico, o Consello de Ministros aprobou tamén créditos por valor de 6.000 millóns para a Seguridade Social e de 2.300 millóns para o Servizo Público de Emprego Estatal ( SEPE), co obxectivo de facer fronte ao gasto extraordinario xerado polas medidas de protección ante a pandemia.

"Hai que ter en conta que o Goberno foi poñendo en marcha diferentes medidas que seguen vixentes para protexer a renda dos traballadores, como os expedientes de regulación temporal de emprego ERTE) ou a prestación por cesamento de actividade dos autónomos", explicou Montero.

IVE superreducido para as máscaras

No mesmo real decreto recóllese a rebaixa do IVE das máscaras cirúrxicas desbotables, que pasará do tipo xeral do 21 % ao superreducido do 4 %. A baixada do imposto estará vixente ata decembro de 2021.

A baixada do IVE chega tras certa polémica política, xa que o Goberno esperou a ter confirmación por escrito de que a Comisión Europea non sancionará a España a pesar de que esta rebaixa incumpre a directiva europea do imposto.