CRTVG

Buscar

O Goberno alemán cualifica de atentado o ataque contra unha sinagoga en Halle

Publicado o 09/10/2019 21:06
O Goberno alemán cualificou este mércores de "atentado" o ataque contra unha sinagoga en Halle (leste de Alemaña) e o posterior tiroteo, sucesos nos que morreron dúas persoas.
O portavoz do Executivo alemán, Steffen Seibert, explicou en Twitter que a chanceler alemá, Angela Merkel, foi informada do sucedido e que expresou a súa "solidariedade" a toda a comunidade xudía. "A nosa solidariedade para todas as xudías e os xudeus na festa do Yum Kippur", asegurou Seibert, lembrando que este mércores ten lugar a maior celebración xudía.
O autor é, presuntamente, un ultradereitista alemán de 27 anos

O ataque produciuse ao mediodía, cando un home fortemente armado tratou de entrar nunha sinagoga e, ao non conseguilo, disparou de forma indiscriminada na rúa primeiro e, posteriormente, contra os clientes dun local de comida turca para levar. Ademais lanzou polo menos dúas granadas de man, unha contra ao cemiterio xudeu xunto á sinagoga e outra contra o establecemento de comida para levar. Entre 70 e 80 persoas atopábanse dentro da sinagoga no momento do ataque. A policía Halle confirmou unha detención e levantou a última hora do día a estado de alarma na cidade. A Fiscalía Xeral, que ten as competencias de terrorismo, asumiu a investigación.
Unha testemuña grava o ataque

Un home vestido con traxe militar, con casco ou máscara e cunha arma automática, comeza a disparar en plena rúa da cidade de Halle, ao leste do país. Primeiro quixo entrar nunha sinagoga, onde unhas 70 persoas celebraban o Yom Kippur, a Festa do Perdón. Pero non o conseguiu porque as autoridades reforzaron as medidas de seguridade. Despois entrou nun local de comida turca. Este mozo estaba dentro do local.
"Eu e todos os demais clientes ao meu redor comezamos a correr. Creo que podería haber entre 5 ou 6 clientes dentro. O home detrás de min semella que morreu. Eu agocheime no baño", conta.

A segunda vítima mortal é unha muller, tiroteada na rúa preto do cemiterio situado á beira da sinagoga. Nun primeiro momento a policía apuntaba á existencia de máis implicados, pero finalmente confirmou que o ataque foi obra dun mozo alemán de 27 anos, que actuou el só por motivos antisemitas ou ultradereitistas.
 
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí