CRTVG

Buscar

O Goberno aínda cre nunha investidura antes de Reis

Publicado o 27/12/2019 18:54

A oposición sospeita que o atraso no informe da Avogacía do Estado sobre a inmunidade de Oriol Junqueras débese ás presións do executivo para que ese ditame contente a Esquerra Republicana.

Inés Arrimadas, voceira de Ciudadanos no Congreso, emprazou publicamente "os baróns socialistas, os dirixentes do PSOE para que freen a loucura de Pedro Sánchez, para que freen a infamia de ter unha Avogacía do Estado presionada para actuar como o avogado de Junqueras"

Para Pablo Casado, presidente do PP, "debería avergonzar calquera democracia consolidada que se estea negociando con persoas no cárcere e que órganos tan importantes para a nación española como a Avogacía do Estado poida estar sendo presionada polo propio Goberno para conceder beneficios penitenciarios a quen deron un golpe á legalidade"

E aínda que os prazos son case imposibles, o Goberno non tira a toalla para lograr unha investidura antes do día de Reis.

Isabel Celaá, voceira do Goberno en funcións, di que "se se presenta o luns, daría tempo físico para poder atender o que significa unha investidura o antes posible"

O executivo xustifica o atraso polo insólito da sentenza europea sobre a adquisición da condición de eurodeputado. Lembra que as negociacións con Esquerra non están rotas e interpreta as críticas da oposición como unha nube de po para ocultar a vergonza por bloquear a formación de Goberno.
 

Noticias web

27/12/2019