O PSOE e o PP acordan renovar todos os órganos constitucionais agás o CXPX
• O pacto permitirá a remuda no Tribunal Constitucional, o Tribunal de Contas, o Defensor do Pobo e a Axencia de Protección de Datos
Tras as conversas mantidas entre o ministro da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática Félix Bolaños e o secretario xeral do Partido Popular Teodoro García Egea este xoves, o Partido Socialista e o Partido Popular alcanzaron un acordo que permitirá a renovación do Tribunal Constitucional, o Tribunal de Contas, o Defensor do Pobo e a Axencia de Protección de Datos, segundo informa a Secretaría de Estado de Comunicación.
A renovación destes órganos levarase a cabo nunha sesión plenaria que se celebrará previsiblemente a semana do 25 de outubro tanto no Congreso dos Deputados como no Senado.
As persoas que formarán parte destes órganos na nova etapa serán "de recoñecido prestixio e de consenso", asegura o Goberno nun comunicado, e daranse a coñecer nos próximos días.
O acordo foi posible despois de que este mércores o presidente do Goberno Pedro Sánchez e o líder do PP Pablo Casado aparcasen as súas posicións ao redor da renovación dos órganos constitucionais.
Casado ofreceu a Sánchez na sesión de control ao Goberno no Congreso renovar de inmediato todos os órganos pendentes, salvo o CXPX, e o Goberno accedeu.
De inmediato reuníronse o ministro da Presidencia Félix Bolaños e o secretario xeral do PP Teodoro García Egea, que pecharon o acordo esta mesma mañá.
No caso do Tribunal Constitucional, vai para case dous anos que concluíu o mandato de catro dos doce maxistrados, mentres que a renovación do Defensor do Pobo está pendente desde hai máis tempo e Francisco Fernández Marugán exerce en funcións desde xullo de 2017.
Con todo, fontes do Goberno citadas pola Axencia EFE deixaron claro que este acordo non significa que renuncie a renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial, e vano seguir tentando co PP.
Félix Bolaños, ministro da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática: "É factible, claro que é posible, o espírito de hoxe de consenso, de diálogo, de achegar posturas é un consenso que se ten que estender ao Consello Xeral do Poder Xudicial". Teodoro García Egea, secretario xeral do PP, dixo: "Ás probas me remito hoxe. Todo é posible con vontade e con intención de acordar, ceder e chegar a acordos en grandes consensos".
O PP insiste en que o seu pacto é co PSOE, pero Unidas Podemos reivindica a súa participación. A súa secretaria xeral Ione Belarra sostivo: "O Goberno negocia en nome do Goberno, que está formado por dúas forzas políticas, e nós facemos parte tamén dese acordo".
Noticia horrible ou traizón foron algúns dos epítetos con que VOX e Ciudadanos reaccionaron ao acordo. Macarena Olona, voceira adxunta de VOX no Congreso: "Dar osíxeno a un Goberno que pisou e pisa sistematicamente a Constitución Española é exactamente o contrario de ter sentido de Estado". Para Edmundo Bal, voceiro nacional de Ciudadanos: "Isto é indignante. Están repartindo os cromos. Reparten o Estado".
Sánchez e Casado xuntos en Yuste
A cerimonia de entrega do Premio Europeo Carlos V no Mosteiro de Yuste, en Cáceres, á chanceler alemá Angela Merkel propiciou o encontro entre o xefe do Goberno Pedro Sánchez e o do PP Pablo Casado tras o pacto alcanzado para renovar algúns órganos institucionais.
Antes da chegada do rei e da chanceler, o xefe do Executivo e o líder da oposición saudáronse e estiveron charlando xunto ao presidente do Tribunal Constitucional (TC) Juan José González Rivas e o do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) Carlos Lesmes, entre outros.
Antes desa charla en que coincidiron ambos, o líder do PP estivo conversando con Lesmes, cuxo mandato á fronte do CXPX está caducado desde decembro de 2018.
Os populares insisten en que deben ser os xuíces, e non os partidos, quen elixan os maxistrados e avisaron de que non negociarán todo no mesmo paquete, mentres que o Goberno defende que tamén debe abordarse a situación do CXPX.