CRTVG

Buscar

O Goberno aclara que non é necesaria unha proba negativa para entrar dende Portugal

Publicado o 08/06/2021 16:25

O Goberno español aclarou a situación que admite un erro de comunicación que levou o executivo luso e mesmo o presidente da República a esixir explicacións aos seus veciños españois.

Onte saltaba a noticia a través dun chío do consulado de España en Portugal de que dende esta pasado luns para entrar en España por estrada sería necesaria unha proba negativa ou estar vacinado. O Goberno luso non tardou en reaccionar, primeiro o ministro de Administración Interna e despois o primeiro ministro, António Costa, que criticaban duramente a España por esta decisión, pero tamén dicindo que esperaban que se tratase dun erro.

Finalmente, como se esperaba, tratábase dun malentendido e non é preciso ningunha proba para entrar en España dende Portugal por estrada. 

Este martes, a ministra portavoz do Goberno, María José Montero, pediu "desculpas pola confusión" que supuxo o documento sobre a esixencia de controis na fronteira. Segundo explicou, o Ministerio de Sanidade "xa transmitiu que o desprazamento por terra entre Portugal e España vai volver onde estaba; non se vai a requirir ningún tipo de proba, nin protocolo adicional do que viña esixindo".

Montero explicou que o erro no documento de Sanidade "é coma se se mimetizase no documento o que se estaba producindo noutros espazos" e aplicándoo a Portugal. "Pedimos desculpas se se puido producir algunha confusión, pero xa o ministerio dixo que se vai a revisar a totalidade do documento e mañá estará incluída esa modificación", subliñou.

Tras coñecer a rectificación, Portugal celebrou a recuperación da "xestión normal" da fronteira con España tras o que o presidente luso, Marcelo Rebelo de Sousa, cualificou de "un lapso técnico".

"Hoxe será corrixido este equívoco manifesto" e "volvemos á xestión normal da fronteira común, con coordinación permanente e harmoniosa entre os dous gobernos", destacou o ministro de Asuntos Exteriores, Augusto Santos Silva.

A fronteira entre España e Portugal reabriu o pasado 1 de maio e desde entón non había ningunha limitación á circulación en ambos os sentidos. 

Noticias web

08/06/2021